A caída de Twitter podería terse producido por un ataque desproporcionado a unha única persoa

venres, 7 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Cyxymu confirma en Twitter que foi obxecto dos ataques que afectaron ao servizo de microblogging

A caída de Twitter e os problemas de funcionamento en Facebook e LiveJournal de onte parecían produto dun ataque de denegación de servizo distribuído contra eses servizos, pero tras varias investigacións parece que non serían esas plataformas en si os obxectivo dos atacantes, senón que pretendían silenciar a un único usuario, o blogueiro Cyxymu, que dende a República de Xeorxia fala do conflito actual do seu país con Rusia e dende Twitter podemos ler cómo recoñece ser o obxecto dos ataques.
O xefe de seguridade de Facebook, Max Kelly, declarou que están a «investigar activamente a fonte dos ataques e agardamos ser quen de atopar ás persoas involucradas e emprender accións contra eles se fose posible».
Aínda que foron varios os servizos web atacados para calar a Cyxymu, Twitter parece ser o menos preparado para defenderse deste tipo de ameazas, e mentres Facebook e LiveJournal só tiñan problemas de funcionamento, Twitter quedou totalmente fóra de liña durante horas, o que fixo que o problema fose máis evidente, e os atacantes conseguiron o efecto contrario ao perseguido: en vez de tapar ao blogueiro xeorxiano están a darlle maior relevancia.
Segundo parece, os ataques tamén chegaron a Google Sites, YouTube e Blogger, pero as medidas de protección coas que conta Google lograron que os usuarios no percibisen especiais problemas de funcionamento.

PUBLICIDADE