A campaña de reparto de lectores de DNIe remata o domingo

venres, 13 de novembro do 2009 Marcus Fernández

Dende Código Cero estamos a colaborar coa campaña iniciada por Red.es (organismo dependente do Ministerio de Industria) a través da empresa Tractis para achegar ao público uns 300.000 lectores de DNI electrónico que están a entregarse nos últimos días por só 2 euros en concepto de gastos de envío a pagar mediante tarxeta de crédito ou Paypal.
O interese por esta iniciativa parece ser bastante amplo, e en diversas comunidades autónomas rematáronse os lectores USB dispoñibles para as mesmas, pero en Galicia aínda non é así, polo que debemos instar aos interesados en aproveitar esta promoción a solicitar o seu lector de DNIe antes do vindeiro domingo, cando remata a campaña.
Polo momento foron 228 os nosos lectores que quixeron solicitar o seu lector de DNIe para a súa recepción por correo postal comodamente no seu fogar, e é de agardar que grazas a esta campaña, nos vindeiros meses medren considerablemente os servizos que permitirán o uso do DNI electrónico. Dende Tractis incluso publicaron un engadido para incorporar a identificación co DNIe nos blogs que funcionan con WordPress, o que resulta moi cómodo de cara á publicación de comentarios á vez que os usuarios quedan ben identificados (minimizando certo tipo de comportamentos amparados no anonimato).

PUBLICIDADE