A celebración en Mugardos do Dia do Software Libre inclúe a presentación do novo Galpon MiniNo

xoves, 9 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Volvemos falar do Día Internacional do Software Libre (coñecido tamén como Día da Liberdade do Software) e de novo diriximos a ollada cara a Mugardos, con motivo desta xornada o centro de operacións da comunidade galega de usuarios e deseñadores da programación aberta. Pois ben, se daquela informamos das actividades previstas polo colectivo Zulo co evento Kernel 2010, a desenvolver na Casa de Cultura de Mugardos, agora toca falar polo miúdo dun dos grandes protagonistas da xuntanza, a nova versión de Galpon MiniNo, que será presentado en tódolos seus detalles polo Grupo de Amigos Linux de Pontevedra (GALPon). A actividade, que dará comezo o sábado 18 ás 11.00 horas, servirá polo tanto para dar conta dos traballos despregados polo dito colectivo ao longo deste ano e co obxectivo de mellorar na medida do posible o dito programa, un sistema operativo libre, con nome en clave Alguadaira, baseado en Debian Lenny.
A nova versión de Galpon MiniNo, da que podemos obter na Rede todo tipo de datos, inclúe ducias de aplicativos seleccionados a conciencia para tirarlle o máximo partido aos nosos vellos ordenadores, informan os responsables do seu desenvolvemento. Esta nova mellora, engaden, presenta un aspecto renovado, moitísimas melloras e utilidades e, como sempre, “un especial coidado na tradución de todos os programas, nesta ocasión temos practicamente ao 100% o galego, o español e o inglés”. Os traballos sobre este sistema, como é de agardar tratándose de software libre, están abertos á participación. Para comezar, xa podemos deixar todo tipo de comentarios, dúbidas, problemas ou suxestións na listaxe habilitada especificamente no Google Groups.

PUBLICIDADE