A cidadanía da Coruña poderá enviar suxestións ao Concello a través do móbil a comezos de 2023

martes, 13 de decembro do 2022 S. P.

A cidadanía da Coruña vai poder presentar suxestións e reclamacións ao Concello a través do móbil dende o primeiro trimestre do ano que está a piques de comezar. Así o fixo saber o voceiro municipal do Concello, José Manuel Lage, quen achegou detalles sobre a inminente posta en marcha da ferramenta IRIS, un novo recurso ao que se poderá acceder desde unha aplicación e desde o navegador web e que “permitirá mellorar de xeito significativo a comunicación entre os cidadáns e o Concello”.
IRIS, comentou Lage, servirá para aumentar a comunicación cos cidadás e posibilitará dirixir directamente as suxestións e reclamacións aos departamentos correspondentes, “evitando trámites que demoraban a resposta", sinalou o voceiro, engadindo que se trata dunha aplicación que xa está en funcionamento na cidade de Barcelona e da que dispón a Administración coruñesa grazas ao convenio asinado polo Goberno de Inés Rey co Concello da cidade catalá en agosto de 2021.
A súa adaptación, engadiu, está na súa última fase de desenvolvemento e permitirá á cidadanía coruñesa “poñerse en contacto co Concello mediante formularios claros e sinxelos”, apuntou, engadindo que o novo sistema permitirá o envío de fotografías e documentos, así como o seguimento de cada caso mediante a asignación dun código. “Nos vindeiros anos seguramente o número total de suxestións e reclamacións aumente grazas á nova ferramenta, mais do que se trata non é de reducilo sen máis, senón de dotar á cidadanía dun novo medio de comunicación co Concello que contribúa a solucionar os seus problemas", apuntou José Manuel Lage.

PUBLICIDADE