A cifra de vítimas de fraude en liña medra durante o verán

xoves, 22 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O verán foi de sempre a época escollida para levar a cabo todo tipo de estratexias de roubo. En boa medida, porque os propietarios dos obxectos e ben máis desexables tenden a estar lonxe deles. A Rede, aínda que á inversa, reproduce un pouco esta tónica. Así, se hai alguén que se decide a facer fraudes na Internet non é porque as casas-webs estean baleiras, senón polo oposto: porque hai máis internautas ca nunca á procura de información, servizos e recursos, alternando o uso de ordenadores (co perigo de propagar e ser vítimas de virus a través das USB que iso implica). Segundo datos de S21sec, a grande actividade que recolle a Rede durante estes meses convérteos na época ideal para os ciberdelitos. De feito, dos 2.534 casos de fraude rexistrados en 2009, case a cuarta parte se contabilizaron en xullo e agosto.
Segundo apunta a dita firma, cómpre que teñamos en conta a necesidade de desbotar certas prácticas, como por exemplo a de conectármonos a Internet en sitios públicos (hoteis, cibers), o que pode resultar un risco para a información, e máis aínda se levamos a cabo operacións de banca en liña ou calquera tipo de xestión de importancia. Asemade, aconsella facer bo uso das Wi-Fi públicas (cómpre ter conexións seguras), non deixar as nosas claves en computadores alleos ou elixir sempre o modo privado para as nosas navegacións (deshabilitando historial e cookies).

PUBLICIDADE