A comunicación en liña da cultura será un dos eixes dunha xornada do CCG

venres, 4 de setembro do 2015 Redacción

Os profesionais da comunicación, da xestión cultural e da difusión da cultura deberán apuntar unha cita á que non poden faltar o vindeiro 21 de setembro, estamos a falar da xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI, evento que marcará a apertura da programación do Consello da Cultura Galega para o último cuadrimestre do ano. O eixo sobre o que se moverá esta xuntanza será o de darlle unha viraxe ao papel da cultura nos novos escenarios da industria cultural e da comunicación ao descubrir as oportunidades e dificultades de emprender neste ámbito, co obxectivo de achegar ideas e debates que permitan mellorar e enriquecer a comunicación cultural. Dicir que a cita será de balde e xa ten aberto o prazo de inscrición a través da web do Consello da Cultura Galega.
Xosé López, Xosé Rúas e Manuel Gago serán os coordinadores dun encontro que pretende poñer sobre a mesa as políticas de comunicación, o papel da cidadanía e das novas tecnoloxías de participación, a creatividade cultural en tempos de crise económica e as relacións entre o xornalismo e a industria cultural; así como as posibilidades de emprendemento comunicativo en materia cultural e o papel das institucións na difusión e na comunicación cultural.
A programación da xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI desenvolverase en horario de mañá e tarde. A sesión da mañá centrarase na transformación que as novas tecnoloxías permiten para a difusión cultural. Carlo Sorrentino (profesor de Socioloxía dos Procesos Culturais e Comunicación, da Università di Firenze), analizará a influencia de Internet na definición da nosa identidade cultural. Víctor Sampedro (catedrático de Xornalismo) falará de cidadanía, mareas, e cultura no relatorio O cuarto poder na Rede. Completa o programa matinal Marty McCarthy, quen amosará a difusión cultural da National Sculpture Factory de Cork.
A sesión da tarde terá un carácter máis práctico e nela responsábeis de publicacións achegarannos o seu punto de vista sobre a situación actual. Blanca Berasátegui (directora de El Cultural), exporá a evolución da cultura en España nos últimos vinte anos. Na mesa de Experiencias de comunicación cultural estará Carles A. Foguet, un dos fundadores da revista Jot Down, e Marta Peirano, responsábel de cultura de eldiario.es, quen abranguerá temas como Open Access, Creative Commons e cultura. O programa complétase cunha mesa redonda sobre A comunicación desde os centros e entidades culturais.

PUBLICIDADE