A comunidade Gluster convídanos a achegarlle o noso proxecto de almacenamento de datos aberto

martes, 7 de maio do 2013 Redacción

Red Hat, o provedor de solucións open source empresarial, vén de anunciar que a comunidade Gluster, un colectivo de desenvolvemento de programas libres patrocinado por Red Hat, ampliou de xeito notábel o seu radio de alcance co obxectivo de impulsar a innovación no almacenamento aberto. Máis polo miúdo, Gluster pasou de ter entre mans unha única iniciativa a ser unha comunidade multi-proxecto para solucións de acubillo de información open source. E nada indica que a tendencia vaia variar, máis ben o contrario. De feito, estamos ante unha iniciativa en imparábel proceso de apertura cara a novas propostas e solucións afíns.
Esta ampliación, infórmase, responde ao crecente interese de usuarios, empresa e administracións cara ás solucións de almacenamento aberto. A xuízo da empresa, o medre constitúe un novo fito no desenvolvemento do dito colectivo, desde un proxecto estreitamente controlado até un ecosistema de programación aberta cun número cada vez maior de proxectos e colaboradores.
Para facilitar este espallamento e acoller os proxectos relacionados, a comunidade Gluster agora inclúe o Gluster Forge, unha contorna de desenvolvemento colaborativo baseado en Gitorious no que os desenvolvedores e organizacións que compartan o ideario do colectivo poden acubillar e crear novos proxectos de almacenamento aberto baseado en software, amais de botar unha man en iniciativas paralelas. Lembrar que a comunidade Gluster Forge ten como obxectivo acelerar a innovación ao redor de GlusterFS, impulsada pola comunidade e mellorar a colaboración entre usuarios.
Segundo se informa, os primeiros novos proxectos abranguen unha gama cada vez máis ampla de iniciativas relacionadas co acollemento e rexistro de información, e tamén coa xestión, mobilidade, seguridade, dispoñibilidade, recuperación de desastres, interoperabilidade, big data ou computación en nube. Os exemplos de novos proxectos da comunidade Gluster Forge inclúen un plugin HDFS, PMUX (MapReduce baseado en arquivos), gflocator, integración SAMBA ou Dispersed Volume. Para incluír un novo proxecto para incubación, cómpre visitar o espazo de seu do Gluster Forge.

PUBLICIDADE