A conexión a Internet poderá ser cortada sen orde xudicial

venres, 6 de novembro do 2009 Raquel Noya

A Unión Europea avala que os países membros podan cortar o acceso a Internet dun cidadán sen orde xudicial cando estea descargando contidos protexidos por dereitos de autor. É unha das medidas incluídas na reforma do sector das telecomunicacións, aprobada esta madrugada.
Con todo, a súa aplicación dependerá de cada país. As leis españolas obrigan a contar cun permiso do xuiz para cortar a conexión, polo que o Goberno estuda cambiar a normativa.
A Asociación de Internautas Españois cre que non o poderá facer.
A aprobación da medida foi posible despois de que a Eurocámara retirase unha enmenda que defendía os dereitos dos internautas esixindo unha orde xudicial para cortar a conexión. O Parlamento cambiou finalmente esa enmenda por outra que establece que a medida só pode impoñerse se é "axeitada e proporcionada", e respectando ademais "a presunción de inocencia e o dereito á privacidade do usuario".
O vicepresidente da Cámara, o popular Alejo Vidal-Quadras, xustificou o cambio de postura do Parlamento. Asegura que a enmenda inicial excedía as competencias lexislativas da Eurocámara, polo que tiña moitas posibilidades de ser anulada polo Tribunal de Luxemburgo.
En opinión da Oficina de Defensa do Internauta, os dereitos dos usuarios españois están suficientemente garantidos na Constitución pra evitar que a medida se aplique aquí. Precisaríase un cambio de lexislación que confían en que non poda saír adiante.

PUBLICIDADE