A conexión dixital entre as administracións galegas, máis preto
mércores, 30 de maio do 2012
- Mar Pereira na súa intervención nas xornadas sobre Interoperabilidade e Goberno aberto
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia (Amtega), Mar Pereira, foi a encargada de inaugurar esta mesma mañá
as Xornadas Interoperabilidade e Goberno
Aberto, organizadas polo Club de Innovación e a Xunta na EGAP, para abordar
os retos que teñen por diante as Administracións no tocante á súa
interoperabilidade.
Neste senso, Pereira anunciou que a Xunta vai darlle
prioridade a este obxectivo, “actuando
como o nodo, que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos
concellos galegos e os do Estado, para facilitar o intercambio de información e
documentos entre as entidades públicas”.
Isto fará posible que, ademais de interconectar as
administracións locais entre si e estas coas autonómicas e estatais, a
cidadanía poida resolver as súas xestións con calquera administración, nun
único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que
se acheguen.
A responsable de Modernización sinalou que a Xunta xa
avanzou nesta liña coa implantación en 2011 do portal de
interoperabilidade en todas as consellerías, que permitiu eliminar a petición
de documentación básica como o DNI e o certificado de empadroamento.
Segundo informan dende o Executivo, durante o pasado
ano esta ferramenta “evitou a
presentación de ambos os dous documentos en máis de 22.000 trámites de cidadáns
e empresas coa Administración autonómica” o que nos ofrece unha idea do que
suporá agora a interoperabilidade a gran escala en todo o país.
O obxectivo, segundo avanzou, “é consolidar este
nodo de interoperabilidade para avanzar na eliminación doutro tipo de
información de carácter xeral como o título de familia numerosa, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións
tributarias”.
Para acadar este obxectivo será fundamental o Centro de Proceso de Datos
Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en
funcionamento este verán e desde a que se xestionará toda a documentación que xera a Administración autonómica.
Este Centro, que se atopa nas instalacións da Cidade da
Cultura, prestaralle servizo a concellos, deputacións e universidades.