A cuarta edición da aceleradora BFAero acada o mellor rexistro de candidaturas de proxectos

martes, 23 de agosto do 2022 S. P.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de arquivo de Bioga

Un total de 88 proxectos disruptivos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora galega impulsada pola Axencia Galega de Innovación no marco do noso Polo Aeroespacial. Segundo informou GAIN, trátase do mellor rexistro obtido nas catro edicións deste programa. Así o manifestou este 23 de agosto a directora da axencia, Patricia Argerey, durante unha visita realizada á empresa UAV Instruments en Pontevedra.
Esta compañía pontevedresa, especializada en ofrecer solucións innovadoras no sector dos vehículos non tripulados, participou coa súa plataforma Cíes Solar no itinerario de aceleración da 3ª edición da Business Factory Aero. Trátase dun vehículo aéreo non tripulado (UAV) de á fixa deseñado e fabricado integramente en Pontevedra, que destaca pola súa autonomía de voo, que chega ata as 10 horas grazas aos paneis solares situados nas súas ás. A participación na BFAero permitiu á empresa ampliar as súas capacidades operativas en áreas como a detección temperá de incendios, o apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado en operacións especiais ou a localización de persoas extraviadas. Amais, aplicarase a súa tecnoloxía no fornecemento de servizos a empresas privadas, como a vixilancia e inspección de oleodutos e liñas eléctricas.
Proxectos en tres fases
A directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que un total de 36 proxectos optan a entrar no itinerario de incubación (41 % do total de candidaturas presentadas), 39 no de aceleración (44%) e 12 no de consolidación (14%). Ademais, do total de proxectos candidatos nesta cuarta convocatoria da Business Factory Aero, un 61% son empresas constituídas e un 39% corresponden con ideas de proxectos empresariais.
Patricia Argerey destacou que “se ten acadado o obxectivo fixado nesta convocatoria de ampliar o alcance internacional da BFAero, ao recibirse case o dobre de propostas de outros países que na 3ª edición”. Do total de proxectos candidatos que optan a entrar na 4ª edición un 11% proceden de Reino Unido, Singapur, Estados Unidos, Italia, Portugal, Croacia e Uruguai. Ademais, recibíronse proxectos de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Canarias, Navarra, Andalucía, Cantabria, Castela e León e Estremadura, ademais de Galicia.
Do mesmo xeito, a área temática que máis solicitudes recolleu foi a de novas aplicacións dos vehículos non tripulados, cun total de 49 proxectos; seguida do desenvolvemento de plataformas e os seus compoñentes, con 23, e novos equipos e sistemas, con 13. Tres dos proxectos teñen un carácter transversal.
Agora procederase á avaliación de cada un dos proxectos presentados. Desta análise sairán os 11 proxectos que se incubarán, acelerarán e consolidarán nesta cuarta edición, que pon a disposición do talento innovador en Galicia o ciclo completo de formación e mentorización, que dará comezo a finais do mes de setembro.
Os 11 proxectos seleccionados accederán a comunidade de empresas da Civil UAVs Initiative, integrada por máis de 50 empresas e centros tecnolóxicos e de investigación; así como aos medios técnicos, servizos e infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e aos proporcionados por outras entidades colaboradoras da BFAero. Tamén disporán de oficina na área de coworking da Fundación CEL, contarán con mentores de prestixio e experiencia no sector aeroespacial e terán contacto con investidores para acadar o máximo apoio económico no desenvolvemento dos seus proxectos.


PUBLICIDADE