A cultura castrexa estrea un museo virtual en liña

xoves, 5 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Grazas ao financiamento do Ministerio de Cultura e ao traballo de varias empresas galegas de diferentes sectores coordinado baixo o apartado tecnolóxico por STUDO3D e a xestión cultural de ALICERCE, o pasado día 30 de xuño veu a luz o Museo Virtual da Cultura Castrexa (MUVICC), unha nova ferramenta que vai uso das últimas tecnoloxías para recrear visitas virtuais a xacementos arqueolóxicos e da fotogrametría 3D de obxectos, que servirán para a difusión e dixitalización dos obxectos, museos e xacementos arqueolóxicos.
Con esta iniciativa búscase potenciar o coñecemento e goce do patrimonio cultural por parte da cidadanía, e polo momento conta xa con 5 castros moi representativos da cultura castrexa, como son o de Santa Trega (A Guarda), Castrolandín (Cuntis), Viladonga (Castro de Rei), Chao de Samartín (Grandas de Salime) e Os Castros (Taramundi). Tamén están dispoñibles os museos coas pezas máis destacables en 3D e aínda que a reprodución deste tipo de contidos está principalmente dispoñible dende o PC, tamén é posible gozar dos mesmos dende dispositivos con Android.
Cómpre destacar que este tipo de representación virtual non persegue evitar a visita física aos castros, senón facer unha simple achega aos mesmos para que queira introducirse nesta sociedade perdida (a cultura castrexa).

Dende esta nova web podemos facer visitais virtuais a varios castros de Galicia e Asturias

PUBLICIDADE