A debate en Santiago as posibilidades da participación galega na I+D+i europea

luns, 19 de novembro do 2007 Raquel Noya

A Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDI) dependente da Consellaría de Innovación e Industria, vai celebrar esta mesma tarde no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a xornada A I+D+i galega: ollando a Europa, un foro onde se analizarán as posibilidades de financiamento de proxectos innovadores dentro do VII Programa Cadro.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Manuel Quintana González, vai ser o encargado da inauguración da xornada e tra-lo acto de apertura, o director xeral de investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva, realizará a introdución da mesma referíndose á situación de Galiza no contexto europeo, ás ferramentas de financiamento e ás posibilidades de colaboración internacional.
Posteriormente terán lugar dúas intervencións que versarán sobre organismos relacionados co I+D+i no marco europeo, da man de Jorge Velasco, coordinador da Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Bruxelas e de Serafín de Concha, xefe da División de Programas Comunitarios do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), quen pronunciará un relatorio no que explicará a estrutura e o funcionamento das Plataformas Tecnolóxicas Europeas.
A xornada de mañá, martes 20 de novembro terá un carácter máis práctico, dando lugar a un obradoiro sobre redacción de propostas e xestión de proxectos a cargo de Luis Botifoll, xefe da Área de Proxectos Europeos da consultora Econet.

PUBLICIDADE