A desconfianza ante os métodos de pago en liña segue a frear a suba do ecommerce

mércores, 6 de agosto do 2014 Redacción

Vale que o comercio electrónico medra (este ano un 13,4% e cunha facturación de 12.383 millóns en España), pero podería medrar aínda moito máis na nosa contorna e nos arredores da nosa contorna. Porque non sobe como a escuma se todo semellan ser vantaxes? Pois segundo un informe publicado esta semana por Rakuten.es, por mor de cousas como a desconfianza. A isto hai que engadir o rexeitamento que provocan en moitos internautas uns prezos de traslado de produtos que consideran desorbitados. En cifras concretas, a metade dos españois non mercaron nunca ren en Internet.
O 67% négase a facelo porque non quere proporcionar información con cartóns de crédito na Rede. Por outra banda, algo máis do 55% abandona a compra cando comproba os gastos de envío. E así até dez barreiras que frean o avance do comercio electrónico no eido estatal.
Segundo se engade no informe, un de cada tres españois (36,5%) mercou en Internet nos últimos doce meses e o 44,2% non fixo nunca unha compra en liña. A conclusión é que as cifras xenéricas sobre implantación e uso do comercio electrónico na sociedade estatal achegan unha gráfica cunha liña ascendente que configura un porto de terceira ou segunda categoría. Pero claro, podería ser de primeira categoría. Na devandita investigación faise saber que hai unha serie de atrancos no camiño, non moi grandes (non insalvábeis) pero de abondo molestos como para que a suba sexa máis devagar.
Aos atrancos devanditos (esa teima por non der información dos cartóns de crédito, malia a seguridade probada de determinados servizos, ou tamén o rexeitamento provocado polo engadido dos gastos de envío sobre a marcha do proceso de compra), cómpre engadir os seguintes: a necesidade de moitos compradores de tocar e ver produtos antes de mercalos (o 69% dos consumidores que non adquiren ren en Internet afirma que lle gusta examinar o produto antes de adquirilo), a desconfianza nas formas de pago en liña (a metade das persoas que non apostan polo ecommerce non se fían dos procesos de compra dixitais), a falta de comunicación entre os vendedores en liña e os potenciais compradores, os posíbeis problemas á hora de recibir un paquete (os mensaxeiros nunca adoitan chamar dúas veces á mesma porta) ou as máis que probábeis molestias derivadas dunha posíbel devolución dun produto adquirido na Rede.

PUBLICIDADE