A desenvolvedora de xogos sociais Zynga apúntase á moeda virtual

martes, 7 de xaneiro do 2014 Redacción

A moeda virtual comeza ben o ano. Así nolo confirma o feito de que a desenvolvedora de xogos sociais Zynga estea arestora a levar a cabo probas para aceptar pagos nos seus produtos por medio de bitcoins. Máis polo miúdo, a compañía traballa xa co sistema de pagos BitPay para facer posíbel o emprego do devandito valor de cambio con respecto a algúns dos xogos (FarmVille 2, CastleVille, ChefVille, CoasterVille, Hidden Chronicles, Hidden Shadows e CityVille) que achega a través da web de seu.
A medida, informou Zynga, responde á importante resposta e interese que está a amosar a comunidade en liña por este novo tipo de moeda. O que non se confirma é se Zynga vai facer extensíbel a súa aposta ao resto do seu catálogo, o que sen dúbida tería un ingrediente revolucionario a ter en conta. E mesmo de valentía, xa que xa hai algún que outro informe máis ou menos fiábel (como o de Merrill Lynch) que sinala que pode haber risco de burbulla. Zynga, con esta medida, segue o ronsel do fabricante de vídeo consolas Ouya, que dende hai semanas xa deixa marxe para a adquisición de aparellos de seu con esta divisa virtual.
Lembrar, para quen non o saiba a estas alturas, que unha bitcoin é unha moeda virtual en toda regra: non ten presenza física, senón que se basea nun software e nun programa en código aberto e non está abalada por ningún organismo oficial centralizado, como é o Goberno dos EE.UU. (no caso do dólar) ou o Banco Central Europeo (no caso do euro). As bitcoins pódense adquirir nun mercado de divisas virtual ou mercándollas a un vendedor delas. Segundo explicou recentemente na nosa terra o profesor na Universidade San Pablo CEU de Madrid, o galego Abraham Otero, estas moedas créanse en números de 25 cada dez minutos e coa resolución dun problema matemático, tendo unha taxa de creación constante que imita o funcionamento dos recursos naturais. Asemade, cando se chegue aos 21 millóns de bitcoins deixaranse de crear máis, deixarase de producir riqueza para pasar a empregarse esta moeda só para o intercambio.
Volvendo ao estado de cousas da moeda, dicir que a súa cotización chegou a tocar un máximo histórico nos 1.250 dólares a finais de 2013.

PUBLICIDADE