A directora da ETSE de Telecomunicacións da UVigo será nomeada esta noite Enxeñeira do ano

venres, 3 de setembro do 2010 Raquel Noya

O Parador do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, xa ten todo preparado para acoller, hoxe mesmo a partir das 20:30 horas, a XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, na que Edita de Lorenzo, a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo recibirá o galardón de Enxeñeira do Ano.
Esta distinción, instituída polo Colexio, concédeselle cada ano a enxeñeiros de telecomunicacións destacados polo seu labor profesional.
Por outra banda, Andrea Penza, presidente da Federación de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Comunidade Europea (FITCE), converterase nesta edición da Noite en Socio de Honra da AETG, distinción do COETG e a AETG para premiar as personalidades destacadas no apoio e na promoción das telecomunicacións.
O Premio ó Mellor Proxecto TIC con beneficios Sociais correspóndelle nesta ocasión á Rede intelixente de puntos de repostaxe para vehículos eléctricos (RIRVE) da empresa Bluemobility SL.
Ademais dos devanditos recoñecementos, o COETG-AETG faralle entrega do Premio INEO á Mellor Aplicación TIC á empresa Open Soft Servicios Informáticos S.L, polo seu proxecto OS-NETBACK: esta distinción foi instituída pola AETG e patrocinada pola asociación INEO, que recoñece desta maneira aqueles produtos ou servizos innovadores desenvolvimos desde Galicia e destacados pola súa calidade e a súa contribución ó crecemento económico.
No tocante ó Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC, correspóndelle este ano á empresa Eventyam Ingenieros, SL, polo proxecto Seguridade Electromagnética.
Por último, nesta edición da Noite, o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ó sector TIC recaerá en Rafael Asorey Cacheda, polo seu estudo sobre os sistemas de distribución de información por redes sen fíos.

PUBLICIDADE