A directora de AMTEGA salienta o importante esforzo galego para destacarse no panorama mundial de 5G

xoves, 14 de xaneiro do 2021 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participou este xoves na clausura do seminario en liña 5G, unha revolución en marcha, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) en colaboración coa operadora de telecomunicacións Vodafone. No transcurso da súa intervención, Pereira enxalzou o “esforzo da nosa terra por destacarse como territorio preferente na extensión do 5G”. Neste senso, lembrou que foi “unha das primeiras comunidades en contar cun plan para favorecer a extensión desta tecnoloxía”.
En termos máis concretos, recordou que ao abeiro deste plan puxéronse en marcha iniciativas tan destacadas como a a creación dun Nodo Galicia 5G co compromiso dos tres principais operadores (Vodafone, Telefónica e Orange) de realizar os primeiros casos de uso. “Deste xeito Galicia conformou un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores pola Comunidade para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que favoreceu que hoxe, e grazas ao impulso da Administracións autonómica e estatal, se estean a desenvolver máis de 30 pilotos de 5G en ámbitos como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación”, explicou, engadindo que o 5G “é unha das tecnoloxías disruptivas sobre a que pivotará a transformación dixital da vindeira década e así se recolle tamén na Estratexia Galicia Dixital 2030, recentemente aprobada polo Consello do Goberno Galego”.
Mar Pereira concluíu sinalando que “o compromiso é seguir avanzando no impulso destas redes para que Galicia aproveite ao máximo as posibilidades do 5G, a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e, polo tanto, unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica”.
Segundo apuntou, o novo estándar móbil posibilitará a disposición de servizos avanzados en moitos ámbitos, especialmente en eidos clave como a sanidade e a educación, desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica no territorio.

PUBLICIDADE