A disposición das mulleres de Ferrol un curso sobre as posibilidades dos móbiles

martes, 29 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ferrol e o INICE (Instituto de Investigación Científicas e Ecolóxicas) van organizar este mes de novembro, entre os días 4 e 11 na Casa da Muller, un obradoiro formativo para empoderar ás mulleres no manexo básico de novas tecnoloxías. Trátase dun curso sobre manexo de móbiles organizado pola Concellería de Igualdade e o INICE (Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas). O programa está dirixido a veciñas empadroadas en Ferrol e pretende incidir na formación para “mellorar a súa incorporación na sociedade e que estea presente nos novos sectores de emprego utilizando de forma habitual as novas tecnoloxías”.
O curso será de balde e contará con dúas edicións, unha de mañá, de 10 a 12 horas, e outra de tarde, de 17.15 a 19.15 horas, e haberá 10 prazas en cada unha. As participantes recibirán unha explicación teórica dos contidos para poñelos en práctica utilizando exercicios creados polo propio docente. O temario inclúe axustes de teléfono, personalización da pantalla, xestión de contactos, uso do correo electrónico, galería de imaxes, WhatsApp, Facebook, Youtube e, por último, descargar e eliminar aplicacións.
As participantes recibirán un certificado de aproveitamento sempre que cumpran con, polo menos, un 75 % de asistencia. Ao rematar, realizaranse enquisas de satisfacción para coñecer o grao de consecución dos obxectivos e a calidade das devanditas accións formativas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de outubro a través do mail casadamuller@ferrol.es.

PUBLICIDADE