A doutora da USC María Oliveira recibe un premio pola súa contribución á análise e manipulación de datos

luns, 29 de setembro do 2014 Redacción

Toca falar de como se traballa na nosa terra contra a fenda dixital de xénero: cada vez máis e dende as máis variadas frontes. Isto vén a conto porque o pasado venres celebrouse en Santiago a xornada Freeday4Girls, cita dirixida a visualizar o papel da muller no ámbito do software libre, e esta semana Mancomún cóntanos que a doutora en Estatística pola Universidade de Santiago, María Oliveira Pérez, vén de recibir o premio John Chambers Statistical Software na súa edición de 2014. O recoñecemento veu dado pola elaboración dun paquete para o software estatístico R, que se distribúe con licenza libre.
Segundo informa a USC, María Oliveira é a primeira muller do ámbito estatal na que recae este galardón, dotado cun premio en metálico de 1.000 dólares. A distinción vén da man da American Statistical Association e diríxese a salientar o deseño e desenvolvemento de programas estatísticos novidosos que faciliten a análise, visualización e manipulación de datos. María Oliveira elaborou un paquete para o software estatístico R que permite a análise non paramétrica de datos circulares: NPCirc, e que publicou con licenza GPL2. Esta biblioteca inclúe os métodos deseñados pola autora durante a súa tese de doutoramento, defendida en novembro de 2013 baixo a dirección de Alberto Rodríguez Casal e Rosa María Crujeiras Casais, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas.
Actualmente, María Oliveira é investigadora posdoutoral na Durham University (Reino Unido).
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL. O seu uso e desenvolvemento é mundial e global, a través da colaboración de universidades de como Harvard o Yale e empresas tan importantes como Google ou Bank of America.

PUBLICIDADE