A ducia de proxectos seleccionados para Sherpa Journeys aplican as tecnoloxías máis avanzadas ao sector marítimo

mércores, 16 de decembro do 2020 Redacción

Doce proxectos empresariais de base tecnolóxica do ámbito mariño-marítimo de Galicia e norte de Portugal recibirán apoio para a súa valorización a través da iniciativa Sherpa do Mar, impulsada pola Universidade de Vigo e a Zona Franca, entre outras entidades, co obxectivo de “crear unha plataforma galego-portuguesa para a promoción da competitividade no sector marítimo a través de novas iniciativas de mercado de base tecnolóxica con alto valor engadido”. Entre a ducia de proxectos seleccionados atópanse propostas de dixitalización, de rastrexabibilidade alimentaria ou de Realidade Aumentada para coñecer máis a fondo o medio mariño. Tamén hai contribucións á eliminación de nano-plásticos no mar.
A través do programa e da súa participación en Sherpa Journeys, contarán con asesoramento especializado e o respaldo dun sistema innovador de medición e seguimento do seu desempeño que lles axudará a achegar ao mercado as súas ideas de negocio ao longo das fases de emprendemento. O programa de apoio integral terá 14 meses de duración e no seu transcurso estarán acompañados dun xestor especializado en promoción do emprendemento e transferencia de tecnoloxía e coñecemento e recibirán asesoramento científico-técnico. Durante este proceso contarán con formación, xornadas de networking, así como servizos e medios técnicos para consolidar o seu desenvolvemento e crecemento.
As entidades impulsoras dos Sherpa Journeys destacan que o gran compoñente innovador das propostas elixidas nesta primeira edición, que fornecen respostas de alto valor engadido a retos como a dixitalización, o uso sustentábel de recursos, a seguridade e a rastrexabilidade alimentaria, o ecoturismo ou a protección e conservación do ecosistema mariño. Amais, aplican tecnoloxías de biotecnoloxía ou emerxentes como a cadea de bloques (blockchain) ou a Realidade Virtual e Aumentada. A maior parte atópanse en fase de concepción e prototipado, aínda que tamén están presentes iniciativas emprendedoras e de inter-emprendemento en fase de maduración máis avanzadas. As súas propostas abranguen diferentes sectores do ámbito mariño-marítimo como o acuícola, o conserveiro, o portuario, a pesca ou o turístico.
Estes son os proxectos elixidos.
· MytUniSex: propón a produción de liñas de mexillón unisex a gran escala e de forma sostida ao longo do ano. O proxecto busca promover o uso sustentábel dos recursos mariños, ofrecendo unha alternativa que podería reducir a necesidade de colleitar a semente no intermareal rochoso.
· ActivaeAlgae: centrado no desenvolvemento de produtos cosméticos de orixe natural, baseados en extractos de microalgas eucariotas sen explorar, e con propiedades antinflamatorias, hidratantes, exfoliantes ou protectoras contra os raios ultravioletas (UV).
· BIMBA (Bioloxía e Información Marítima Ártabra): dirixido ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en GIS e enfocadas a mellorar a competitividade do sector portuario e as organizacións relacionadas co medio mariño.
· SUBGO: proxecto de Realidade Virtual (VR), Aumentada (AR) e Mixta (MR) dirixido á investigación e divulgación científica de paisaxes submarinas con aplicacións no sector da educación e do ecoturismo.
· ValBioSea: centrado no desenvolvemento dun método de extracción eficiente para a selección de compostos bioactivos, de alto valor engadido e obtidos de macroalgas invasoras, cun enfoque de biorrefinería en fervenza.
· DanteRoNPs: solución de tecnoloxía de eliminación de nano-plásticos no ecosistema mariño, mediante o emprego de surfactantes compatíbeis bioloxicamente.
· Fish & Food Technology: propón a creación dunha ferramenta baseada en tecnoloxía blockchain para a rastrexabilidade e seguridade alimentaria de produtos pesqueiros.
· Sailing For Science: está enfocado á creación de experiencias de turismo científico-mariño, mediante a posta en marcha dunha plataforma aberta á comunidade científica interesada na participación de actividades de ciencia cidadá, co obxectivo de pór en valor o ecosistema da rexión atlántica.
· Container Over Board System (antes Lost Containers at Sea): centrado na creación dun sistema de localización de containers que permita xerar alertas que reduzan a xeración de verteduras contaminantes ou posíbeis situacións de risco para a navegación e o medio mariño.
· Blue Bioprana: propón a aplicación de solucións de biotecnoloxía que reduzan o impacto ambiental dos subproductos orgánicos e xeran procesos de produción máis sustentábeis e con maior rendemento, que poderían empregarse tamén en modelos de economía circular.
· ABZU Maritime Platform: plataforma de operacións portuarias baseada en tecnoloxía blockchain que achegará máis transparencia, sinxeleza e inmediatez.
· Basemar: centrado na fabricación e comercialización de balizas con fondeo ecolóxico para sinalización marítima e de parques de cultivo de marisco, que ofrecen datos en tempo real.
O proxecto Sherpa do Mar
Sherpa do Mar é un dos tres proxectos da convocatoria POCTEP 2019, co-financiado nun 75% polo FEDER, nos que a Universidade de Vigo é o principal beneficiario e no que Zona Franca participa como un dos nove socios cunha achega que roldará os douscentos mil euros.
O proxecto ten como obxectivo “crear e revitalizar unha plataforma galego-portuguesa para a promoción da competitividade no sector marítimo a través da promoción de novas iniciativas de mercado de base tecnolóxica con alto valor engadido”.
O proxecto está liderado polo grupo REDE da Universidade de Vigo e, xunto con este grupo de investigación, participan Campus do Mar e o Vicerreitorado de Investigación, o Consorcio Vigo Franca, a Axencia Galega para a Innovación (GAIN), a Universidade de Santiago de Compostela e A Coruña, entre outras entidades referenciais do noso país irmán.

PUBLICIDADE