A e-administración galega non pasa a ITV

martes, 8 de setembro do 2009 Raquel Noya

As conclusións extraídas do último estudo elaborado conxuntamente por ADECES (Asociación pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais) e a Asociación de Internautas (AI) sobre a e-administración autonómica, non podían ser máis claras e contundentes, posto que mostran o que xa todos máis ou menos xa sabiamos pero que non nos atreviamos a dicir: “a fenda dixital estase a acentuar no noso país”. A pesar de que estamos en pleno século XXI e que as novas tecnoloxías xa forman parte do día a día de case toda a sociedade, a administración electrónica segue a ser unha asignatura pendente para a maioría das comunidades, especialmente a nosa.
Porén o problema non é da nosa administración, que ao igual que as demais, leva anos apostando pola dixitalización e a diversificación dos seus servizos e que xa permite, entre outras moitas cousas, solicitar subvencións, pedir cita para o médico ou matricularse nas oposicións sen moverse da casa. O problema radica na política practicada polas operadoras nacionais, que centraron a súa guerra de competencia nos clientes que xa teñen acceso a Internet, esquecéndose de cheo dos cidadáns que carecen de conexión e teñen unha mala cobertura de telefonía móbil.
Neste senso os galegos somos os máis perxudicados xa que, se a porcentaxe de fogares con acceso a Internet en España é moi baixa respecto da media europea (51 por cento fronte ao 60 por cento na UE), en Galicia tan só o 39,7 por cento das familias teñen acceso á Rede na súa casa, facendo da nosa comunidade a de menos fogares conectados a Internet de España.
Neste senso, os responsables do estudo, ADECES e AI, solicítanlle aos operadores que compitan polos cidadáns que, en calquera parte do territorio, carecen de conexión, ben sexa adecuando os seus prezos ou adaptando os seus produtos ás necesidades daqueles.
Ademais, requírenlles que melloren a atención post venda e que poñan a disposición dos usuarios aplicacións de seguridade alcanzables, todo iso para incrementar a confianza dos cidadáns.
O informe revela asemade que a administración electrónica segue a ser a asignatura pendente para a maior parte das comunidades. Tamén neste campo Galicia queda á cola e é incapaz de seguirlle o ritmo ás comunidades que levan anos apostando pola administración electrónica como Madrid e Andalucía.
O abismo dixital que separa a unhas administracións de outras acentúase co paso do tempo e a nosa é unha das comunidades que peor parada sae da comparación. Segundo o devandito estudo, a Xunta perde posicións tanto en número de servizos interactivos en xeral (pasando a situarse no noveno posto) como naqueles dirixidos exclusivamente aos cidadáns (onde baixou do sétimo ao oitavo posto).
No tocante á web da Xunta, os autores do estudo califícana con un decepcionante regular ao entender que a localización e a presentación dos servizos telemáticos é mellorable o que se suma á detección de fallos durante a conexión.
Malia estas deficiencias e ao feito de que o desenvolvemento da e-administración en Galicia é francamente mellorable, nos dous últimos anos a carta de servizos interactivos da Xunta medrou un 57 por cento e ofrece xa máis de 160 posibilidades diferentes aos internautas, que, aínda que queda moi atrás respecto aos máis de 400 que permite realizar a administración pública madrileña, é un aspecto positivo a ter en conta.

PUBLICIDADE