A eAdministración e a ciberseguridade centran parte do programa formativo da UIMP

mércores, 13 de setembro do 2017 Redacción

Administración Electrónica e ciberseguridade, entre outras cuestións. Estes serán algúns dos eixes temáticos da proposta formativa da Universidade Internacional Menéndez Pelayo para a súa sede da Coruña. O programa de ensino para esta recta final de ano foi dado a coñecer onte na sede da Deputación, contándose coa presenza do director Jaime Rodriguez Arana, da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei e do concelleiro de Culturas da Coruña, Xosé Manuel Sande, ademais directores e directoras dos cursos.
Segundo explicou a vicepresidenta da Deputación (entidade colaboradora), os cursos da UIMP contribúen ao abrollar dos coñecementos da Universidade cara a súa contorna, sendo pioneiros na cuestión de “facer accesíbel a información e as figuras da investigación en relación a un público que vai alén do universitario”. Tamén destacou o contido de “interese social” dos obradoiros, ademais da novidade do ciclo e conferencias Talento e Sociedade, en que participarán Darío Villanueva, Mabel Loza ou Andreu Palop.
Pola súa banda, o director da UIMP en Galiza, Jaime Rodríguez Arana, salientou que o programa de cursos avanzados está conformado por actividades con contidos diversos e “a actualidade como denominador común”. Rodríguez Arana fixo fincapé no curso dirixido por Xosé Antonio Fraga sobre Salvador de Madariaga, Innovación na administración pública, a cargo de Manuel Arenilla; en Políticas públicas e servizos sociais, dirixido por Victoria de Dios Vieitez, en O rol das políticas urbanas e o urbanismo nos próximos vinte anos de Almudena Fernández, en O futuro do protocolo de Rafael Vidal.
Tamén salientou o curso Hacking ético para novos escenarios da ciberseguridade, a desenvolver os días 6 e 7 de novembro na sede da UIMP e da man do profesor Pablo González Pérez. Neste evento divulgativo, expertos do sector impartirán coñecementos a través de diversos relatorio e mesas redondas. O fío temático condutor será como o hacking ético inflúe na ciberseguridade actual e vindeira e fornece de solucións para acadar novas tecnoloxías máis seguras e confiábeis. O programa inclúe diferentes achegamentos colectivos (mesas redondas) ao futuro da ciberseguridade a través da IA (Intelixencia Artificial) e o Machine Learning, á empregabilidade no sector e a cuestións como a criptografía, a liberdade, a privacidade e o que se coñece como blockchain (tecnoloxías de codificación da información que sustenta a moeda virtual).

PUBLICIDADE