A edición 2013 do Laboratorio Audiovisual de Vedra ponse revolucionaria

luns, 28 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Seunpeso Producións, mestura de selo profesional e colectivo de creadores independentes de todo, con sede no concello coruñés de Vedra, está a presentar estes días, facendo ben de rebumbio na Rede, unha nova edición do seu LAV, Laboratorio Audiovisual de Vedra. Malia tratarse, como o seu propio nome indica, dunha xuntanza creativa sobre audiovisual, o certo é que os seus promotores non queren, unha vez máis, deixar pasar a oportunidade de tocar cuestións que van estreitamente cinguidas ao feito de facermos unha curta, unha longametraxe ou un vídeo-clip. Falamos das novas tecnoloxías da información. En representación destas, o programa contará cunha parte importante da súa vertente máis libre de ataduras e licenzas na nosa terra.
Por exemplo os membros da Comunidade O Zulo, que nos lembrarán entre outras cousas que xa hai unha chea de ferramentas abertas das que tirar partido no audiovisual. As diversas actividades celebraranse na segunda e a terceira fin de semana da febreiro. LAV013 achegará, segundo nos contan os seus responsábeis, unha cumprida ración de obradoiros “xa clásicos” con outros máis ligados aos tempos convulsos nos que andamos. Entre os obradoiros preparados, a intención é abranguer cuestións útiles e prácticas ao tempo que se fornecen guías e recomendacións para crear do xeito máis económico e rendíbel: vídeos de combate, loita escénica, radio Internet e podcasts, son en produción audiovisuais, documentais web, videoclips, dirección artística en clave low cost, o intérprete ante a cámara, animación stop motion, etc.
Por certo que ao abeiro de LAV013 desenvolverase o sábado 23 unha xeira de actividades cun ingrediente especialmente combativo e revolucionario, acubilladas no evento RevoLAV. Nesta xeira de traballo e presentacións participarán, precisamente, os membros de O Zulo, que van falar das vantaxes do software e as redes libres como canle e recurso para crear, divulgar ou promover, e todo do xeito máis económico e rendíbel. Estas charlas e obradoiros de RevoLAV desenvolverase o día 23 de febreiro, sábado, en horario de tarde, no Centro Social da Terceira Idade de Vedra. Amais do devandito, tamén haberá un oco para música (da man de Malasombra e A Requinta da Laxeira), monólogos (Carlos Santiago, Avelino González), teatro (Simone Negrín) e relatorios (Paulo Rubido sobre a Enerxía senunpeso e César Lema sobre Calorías, vátios e outras formas de gastar os cartos). De xeito paralelo, na mesma xornada do sábado, desenvolverase o Mercado RevoLAV, que é un mercado de troco e compra-venda audiovisual no que poderemos atopar de todo: aparellos, tecnoloxía, DVD, VHS, libro, vestiario, atrezzo, etc.

PUBLICIDADE