A edición española do Startupbootcamp leva a desenvolver novas e orixinais plataformas tecnolóxicas

luns, 18 de xullo do 2011 Raquel Noya

A parte das redes sociais de temática xeral como Facebook, Tuenti ou Hi5... (todas elas de características e utilidades semellantes), en Internet abundan cada vez máis as especializadas nalgún campo máis concreto e diferenciado como a literatura (por exemplo a galega Meubook), os deportes, a cartografía (tamén temos neste eido unha aplicación galega: a Ikimap), as leis ou mesmo os apuntamentos, que recrutan en torno a elas a un bo número de seareiros e especialistas dun tema determinado.
E se algún eido da actualidade ten seguidores dabondo como para crear unha rede social a nivel mundial, ese é o dos videoxogos, que agora ten á súa disposición a plataforma Netgamix, a primeira destas características pensada para usuarios e deseñadores de xogos online, que permite crear e compartir videoxogos con usuarios de todo o mundo.
Netgamix á unha das 10 iniciativas inscritas na edición do 2011 de, o programa de investimento e mentorazgo, que busca transformar os proxectos dos participantes en empresas de éxito, e que comezou o pasado 20 de xuño en Madrid.
Máis polo miúdo, esta é unha plataforma na que os usuarios lle poden dar vida a toda clase de xogos co único requisito de que sexan “divertidos e educativos á vez”, e que permitan competir para “estar na cima do ranking das creacións máis votadas”, aseguran os seus creadores.
Asemade, a plataforma ofrécelle o seu servizo a aquelas compañías interesadas en incluír na súa website xogos intuitivos que entreteñan aos seus clientes, de maneira que os poidan manter durante máis tempo na súa web ou incluso fagan novos clientes coa difusións do xogo noutras redes sociais.
Ademais de Netgamix, outros nove equipos participantes no Startupbootcamp son:
Fanarchy: unha rede social creada co obxectivo de traer la democracia aos deportes profesionais para incrementar a participación dos fans.
GiftMe!: un servizo que permite regalar e recibir regalos a través de Facebook.
Myrio: servizo de estilismo dixital que busca satisfacer a clientes e minoristas.
Vidiowiki: comunidade de investigadores de todo o mundo que discute sobre o seu traballo.
uSpeak: o primeiro sistema integral de aprendizaxe de idiomas posto ao servizo de tódolos tipos de educación e motivacións.
Linkovery: escritorio en liña para aplicacións web.
Mobitto: un servizo que cambia o xeito de anunciar bens, produtos en servizos na Rede.
Timpik: unha rede social exclusiva para os amantes do deporte.
O Proxecto Accountabilibuddy (á espera dun cambio de nome) é unha plataforma que lle axuda á xente a lograr os seus obxectivos financeiros a través dun sistema único e probas de vídeo.
O Startupbootcamp porá a disposición dos 10 equipos seleccionados un total de catro mil euros por membro, un lugar de traballo e acceso a máis de 75 mentores, co obxectivo de transformar as súas ideas en empresas de éxito nun prazo máximo de tres meses.
O programa conclúe co chamado Investor Day, no que os equipos mostrarán as súas startpus perante máis dos cen investidores privados e capitalistas de risco máis activos de Europa, que valorarán o índice de éxito das futuras empresas.
A vindeira edición do programa levarase a cabo en Copenhague e durante o ano 2012 tamén se expandirá a Berlín e Londres.

PUBLICIDADE