A ex presidenta de Google Iberia falará en Vigo, Santiago e A Coruña de como medrar no futuro inmediato

venres, 27 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

Isabel Aguilera, ex presidenta de General Electric e Google Iberia, estará en abril en Galicia para amosar a súa visión sobre cales son os ingredientes básicos que un profesional e unha empresa deben ter en conta no camiño de medrar a curto e medio prazo: nos días que estamos a vivir e nos días inminentes. Aguilera participará en tres relatorios nunha mesma xornada (o 8 de abril) e en tres cidades diferentes: en Vigo de 9.30 a 11.30 horas (Hotel Os Escudos) en Santiago de 13.45 a 16.30 horas (Hotel A Quinta da Auga) e en Coruña de 18.00 a 20.00 horas (Hotel Attica 21). As sesións, que veñen da man de APD, desenvólvense baixo o seguinte epígrafe: Competir no futuro inmediato. Para máis información, APD habitou un documento en pdf específico.
Os relatorios, como dixemos, xirarán arredor do futuro a curto prazo e das cousas que cómpre facer, a nivel empresarial, non só para que o tren non nos colla, senón para irmos por diante del. Segundo avanza APD na presentación da tripla xornada, “o que estaba por chegar xa está aquí e, se conseguimos adaptarnos talvez poidamos sobrevivir, pero non acadaremos as posicións de liderado ás que aspiramos”. APD, reflectindo o avance dos contidos da relatora, sinala que “cómpre anticipar os cambios a través do seguimento das tendencias globais de meirande impacto no mundo económico e empresarial e concluír cales serán os principais desafíos que as empresas de cada sector, de todos os sectores, deben afrontar”. Nas sesións de Isabel Aguilera analizaranse polo tanto que competencias e que ferramentas son clave e como desenvolvelas “para instrumentar a devandita superación sen temores”.
Isabel Aguilera foi presidenta de General Electric e Google Iberia. É arquitecta de formación con dúas especialidades (Edificación e Urbanismo) pola ESTA de Sevilla. Ademais, é conselleira independente en Indra, BMN (Banco Mare Nostrum), Aegón España e Emergia, S.L., amais de membro do consello asesor de Deusto Business School; fundadora de Isabel Aguilera Consultoría Empresarial en Estratexia, Operacións e Innovación, accionista de Twindocs, así como relatora habitual da axencia de conferenciantes Thinking Heads e profesora asociada de ESADE. Foi conselleira independente de Laureate Universities Inc, até a súa reprivatización, membro do Consello Social da patronal Farmaindustria, de Pelayo Mutua de Seguros e da empresa de enxeñaría IKOR Sistemas.
Foi distinguida con diferentes recoñecementos institucións e asociacións de empresarios (AED, FEDEPE, etc), así como diarios e publicacións nacionais e internacionais entre os que destaca Financial Times, Wall Street Journal ou o El Mundo, así como outros medios especializados en tecnoloxía.

PUBLICIDADE