A expedición do galego Pablo Pérez chega ao Everest co apoio da tecnoloxía de e-saúde de Telefónica

martes, 11 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Pór de relevo a importancia de desenvolver métodos, con axuda das novas tecnoloxías, que contribúan a mellorar a nosa saúde e a calidade de vida das persoas con diversas doenzas, dependencias ou diversidades funcionais ou motrices. Esta é, por así dicilo, a mensaxe que vén de lanzar o galego Pablo Pérez, de 21 anos, na expedición ao Everest da que forma parte, arestora no campamento base (a 5.350 metros) da dita montaña do Himalaia. Dase a circunstancia de que non se trata dunha expedición calquera. Para comezar, está integrada por deportistas diabéticos que, ademais, tiran partido de diversas tecnoloxías de Telefónica aplicadas á saúde para facer posíbel esta complexa ascensión. A chegada á estación base rexistrouse este luns 10 de setembro ás 9.00 horas, horario español.
Pablo Pérez, como dixemos, non está só na súa aventura. Acompáñano Josu Feijó, Jon Goikotxea, Elena Eggers, Beatriz Gª Berche e Roberto Martínez. Afectados de diabetes tipo I, acadaron o seu obxectivo unha xornada antes do previsto. Co fin de logralo sen maiores riscos para a saúde dos que pode achegar, en circunstancias normais, a dita montaña a un deportista sen diabetes, os devanditos montañeiros manteñen contacto cos seus médicos e nutricionistas grazas a un servizo de eHealth de Telefónica Dixital que lles permite controlar en remoto os parámetros da súa doenza.
A viaxe polo Himalalla comezou o pasado 31 de agosto e está previsto que remate este 18 de setembro. Durante todo este tempo empregarán o dito servizo de xestión de doentes crónicos de Telefónica Dixital, constituíndo esta a primeira vez que un grupo de diabéticos insulino dependentes emprenden unha aventura deste tipo. E todo, sinala Telefónica, “coa tranquilidade que lles achega, tanto a eles como aos seus familiares, o saber que os seus parámetros vitais están a ser controlados polos seus médicos e nutricionistas habituais”.
Para accedermos a máis información sobre esta iniciativa, está na Rede o blog específico de seu, Diabéticos no Everest, onde se dá conta dos principais feitos da aventura, máis que nunca a xeito de caderno de bitácora e da man dos propios expedicionarios, que informan polo miúdo dos detalles do seu día a día nunha das paraxes máis hostís e, á vez, máis impresionantes de todo o planeta Terra.

PUBLICIDADE