A feira Pont-Up Store premia o emprendemento feminino, innovador e con capacidade para reactivar o rural

luns, 27 de setembro do 2021 S. P.

Finalmente rematou este sábado 24 de setembro a nova edición, innovadora nas temáticas presentadas e no formato elixido, da feira de emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra. O punto e final púxoo a entrega de premios ás máis destacadas e avanzadas propostas de mercado, incluíndo o galardón á plataforma tecnolóxica Smartwood como mellor emprendemento. A feira reuniu en Pontevedra, arredor da praza de España (onde tiñan stand de seu as firmas participantes) e durante dúas xornadas, 40 emprendementos e milleiros de asistentes. Tiveron un papel especial as empresas postas en marcha por mulleres, sustentábeis e con capacidade para reactivar o noso rural. Tamén foi destacada a presentación da iniciativa dixital-pontup, que sería a versión virtual, activa os 365 días do ano, da Pont-Up Store.

Entrega de premios

Ao acto de entrega de galardóns asistiron Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus Crea de Pontevedra pertencente á Universidade de Vigo; José Luis Ramírez, director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, quen manifestou que “estas iniciativas emprendedoras son unha mostra da Galicia viva, innovadora e creadora de futuro coa que contamos no noso país”.
A firma Smartwood, como dixemos, conseguiu o premio ao mellor emprendemento, e tamén a distinción á mellor iniciativa no eido das TIC e das novas tecnoloxías. Fíxoo cunha innovadora aplicación orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais de Galicia, que permite desde a localización das fincas ata un estudo do seu potencial de rendemento. O galardón está dotado con un bono de formación no Instituto IESIDE por cortesía de Abanca.
O premio na categoría de alimentación e restauración foi para Namelaka, que sorprendeu cunha carta de xeados insólitos e sobremesas (postres) artesanais con sabores disruptivos entre os que se poden atopar as algas, os queixos ou mesmo un xeado de sangue inspirado nas filloas de entroido.
Na categoría de comunicación, deseño gráfico e eventos, impúxose outra empresa tecnolóxica e de contidos innovadores: Pixelecer Audiovisual.
Na modalidade de enxeñarías, consultorías e outros servizos, levou o premio Vi&Go, cun proxecto e mobilidade sustentábel de motos eléctricas e intelixentes cun sistema de carga de baterías, que funciona mediante subscrición.
Pola súa banda, a cooperativa cultural sen ánimo de lucro Creativas Galegas foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da formación, a educación, a arte e a cultura, pola súa proposta que acolle, impulsa e dá visibilidade a máis de 100 marcas galegas vencelladas á creatividade, artesanía e as artes escénicas.
Na modalidade de turismo, ocio e benestar, destacou a granxa escola Corazón de Carballo, un centro de ocio, tempo libre e servizos, que traballa a educación ambiental e a educación artística.
No que se refire ao apartado de moda, complementos e decoración, o recoñecemento foi dar a Nai Diseños, cunha proposta que xunta a arte téxtil, o macramé contemporáneo, todo con deseño galego ético e responsábel elaborado a man.

Balance de éxitos

Nesta nova edición e malia as moitas adversidades que puxo no camiño a COVID.-19, a Pont-Up Store foi quen de acadar un novo fito en materia de participación e repercusión, logo dun intenso traballo para afacer o formato da feira aos requirimentos sanitarios máis esixentes (por exemplo aumentando o tamaño da súa carpa para poder cumprir coas medidas sanitarias e aplicar todos os protocolos de seguridade, o que permitiu acoller no recinto a miles de visitantes que puideron realizar os seus percorridos sen aglomeracións e con todas as garantías).
Figueroa anunciou que a Pont-Up, logo do peche das portas físicas, segue en formato dixital a través da nova plataforma (dixital-pontup) que terá un percorrido propio e diferenciado con respecto ao formato presencial. Figueroa volveu a insistir en que “esta ferramenta supón un paso de xigante e unha aposta de futuro para o traballo da comunidade emprendedora galega e permitirá á cidade de Pontevedra e ao Campus Crea da Universidade de Vigo posicionarse como líderes na organización de eventos dixitais en xeral e nos relacionados co mundo do emprendemento en particular, permitindo visitar os stands desde calquera lugar, percorrer virtualmente as tendas dos emprendementos seleccionados, comunicarse con eles e facer operacións comerciais cos mesmos, tanto no Pont-Up Store como en calquera evento que no futuro se organice a través desta plataforma”.
Tamén anunciou que a partir de agora, o Pont-Up Store estará xestionado desde a Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store.
A feira veu organizándose este anos polo grupo de investigación G4 Plus, co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, a Vicerreitoría da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes oito anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.

PUBLICIDADE