A ferramenta AppSantiago permite achegarnos ao miolo da actividade de Compostela

luns, 23 de decembro do 2013 Redacción

Temos novas aplicación galega sobre cousas nosas para nós e para o mundo, que sempre é de agradecer. Falamos de AppSantiago, unha guía dixital gratuíta da cidade para móbiles e tablets que se presenta en dous formatos, un para Android e outro para iOS. Trátase, en palabras dos seus creadores, dun innovador produto que presenta recursos de moita utilidade tanto para os visitantes como para a propia cidadanía de Compostela, incluíndo moitos contidos distribuídos en sectores, hoteis, restaurantes, sitios que ver ou promocións, entre outros. Podemos descargar a ferramenta directamente na App Store, en Google Play ou ben entrando na web propia do servizo.
A idea básica é pór a cidade máis que nunca ao noso alcance, facilitándonos un achegamento único ao que acontece en Compostela o día no que nos conectamos. Esta vertente de axenda e recurso de utilidade compleméntase cos tradicionais contidos sobre historia, cultura, paisaxe, gastronomía e lecer. O servizo artéllase nos apartados de busca, rutas, realidade aumentada, datos de interese, axenda, mapas, reservas, personalizando a aplicación e información de actualidade. Segundo nos conta Antonio González, impulsor deste servizo, “grazas ás guías cidadás da ferramenta, resultará moito máis doado e intuitivo atopar o que buscamos en Santiago, tanto para ir de compras ou ver as ofertas gastronómicas máis interesantes, como para estar ao tanto de promocións de toda índole, teléfonos de interese ou información de actualidade”. Ademais, tamén é posíbel levar a cabo accións como formalizar reservas en restaurantes, pedir o taxi que estea máis preto ao lugar onde nos atopamos e coñecer a cidade a través de imaxes, vídeos ou ferramentas de realidade aumentada e sistemas de xeolocalización.

PUBLICIDADE