A ferramenta galega Coquus revoluciona a alimentación dos pacientes hospitalarios

mércores, 28 de xullo do 2021 S. P.

Novos Sistemas de Información, histórica empresa TIC da nosa terra, ten implantada a súa ferramenta Coquus en hospitais públicos e privados de todo territorio estatal. A ferramenta ten a súa orixe no obxectivo de mellorar a alimentación dos pacientes hospitalarios mediante a dixitalización e automatización da xestión das dietas, manexando para iso un alto volume de datos sobre ingresos e altas de pacientes, as súas necesidades e gustos ou a tipoloxía de alimento. Coquus pon en xogo importantes melloras en seguridade do paciente, en eficiencia e xestión dos controis dos menús e en aforros de tempo e de traballo (optimizando os recursos hospitalarios).
Por certo que a empresa foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole.
Para reducir o impacto social e económico producido pola COVID-19 o equipo de Coquus deu un extra de impulso á ferramenta, incluíndo consellos e mensaxes motivadores nos habituais cartóns de empratado, converténdoas nunha nova canle de comunicación co paciente.
Tal como explica Alberto Lázaro, director de Desenvolvemento de Negocio en Novos Sistemas de Información, “a principal aposta foi posibilitar os cribados nutricionais e o control de inxesta, o que permite aos equipos de nutrición loitar contra a Desnutrición Relacionada coa Enfermidade (DRE), un problema que afecta a máis do 25% das persoas hospitalizadas e que ten unha incidencia especial nos afectados pola COVID-19. É importante saber se a persoa se atopa en estado de desnutrición e se tomou toda a comida ou non”.
Os responsábeis da firma destacan que “en moitos hospitais utilizan xa programas de xestión de dieta, pero o nivel de automatización é moi baixo. Séguese a facer moito traballo manual, o que significa menor atención persoal e con iso, peor nutrición, maiores riscos de seguridade, máis persoal dedicado a tarefas administrativas en detrimento das clínicas… por tanto, maior custo”.
O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela encargou a Novos Sistemas de Información o reto de mellorar todo o proceso implicado na alimentación dos pacientes e así nace a primeira versión de Coquus.
A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) confirma que a empresa está a medrar en España e introducindo Coquus noutros países europeos, “con contactos moi avanzados en Portugal e incipientes en Reino Unido”. Ademais, participan nun proxecto europeo cun consorcio internacional liderado por hospitais, que están a facilitar a súa entrada noutros mercados do continente. Tamén reciben solicitudes frecuentes de países como Arxentina ou México.

PUBLICIDADE