A fibra de Movistar chega xa ao 80% do municipio da Estrada

venres, 8 de abril do 2022 S. P.

Vista da casa consistorial da Estrada

Telefónica vén de facer balance dos traballos despregados esta tempada para ampliar a cobertura de tecnoloxía FTTH (Fibra Óptica Até o Fogar) nas parroquias do rural do concello da Estrada. No balance faise saber que a operadora xa conectou 684 novas vivendas e locais en 41 novos núcleos de poboación.
Estas unidades súmanse ás 690 xa conectadas á fibra óptica nos últimos meses, o que supón en total o 80% de todos os inmóbeis da Estrada, que é, segundo lembra a compañía de telecomunicacións, “un dos municipios máis extensos de Galicia e con meirande dispersión”, o que obrigou a Movistar a un importante traballo de despregadura.
Os fogares conectados poden gozar xa da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de forma simultánea e sen reducir a velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet, ademais de conseguir a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.

PUBLICIDADE