A final da Super Bowl fai historia nos EE.UU.

martes, 13 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Pese a que levamos anos vendo como ás novas pantallas rouban audiencia á televisión tradicional, nos EE.UU. vén de producirse un acontecemento histórico, xa que a final da Super Bowl sumou 123,4 millóns de espectadores, converténdose no evento máis visto dende a chegada do home á lúa.
Consideran así que a Super Bowl LVIII é a retransmisión televisiva máis seguida da presente xeración, aínda que cómpre sinalar que estamos ante un evento que contou cunha importante influencia externa, xa que nas últimas semanas había un grande interese pola relación romántica entre a cantante Taylor Swift e o xogador Travis Kelce, e consideran que iso incrementou considerablemente a atención do público feminino.
Tamén contribuíron a engadir expectación polo evento o anuncio do vindeiro álbum de Beyoncé e a actuación de Usher no intermedio, polo que eran moitos os factores que contribuíron a que a retransmisión tivese unha audiencia moi superior ao habitual neste deporte (que de xeito regular atrae a uns 56 millóns de espectadores).
A meirande parte dos espectadores (112 millóns) seguiron o evento a través da CBS, converténdose na meirande audiencia da historia para unha única canle nos EE.UU.
Temos así que, pese á elevada competencia pola atención dos espectadores, a televisión tradicional segue a ser a plataforma máis capaz para chegar a audiencias masivas.

PUBLICIDADE