A firma galega A&B Shop xuntou preto de 85.000 seareiros dixitais en seis meses

xoves, 29 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Pode unha iniciativa empresarial innovadora suscitar interese e ter éxito empregando as redes sociais como única canle de comunicación e promoción? Estamos preparados para isto? Segundo as creadoras de A&B Shop, nova firma de roupa galega, a resposta ás devanditas dúas preguntas é sen lugar a dúbidas positiva. Así nolo contan Ana Casal Vidal e Begoña Colomer Calvo, as responsábeis dunha nova firma téxtil que vende roupa en liña (e off-line) e que xa conta (complementándoo cunha intensa campaña de captación de seareiras/os nas redes, un “colectivo” que xa anda preto dos 90.000) con establecementos físicos en Arteixo e na rúa Barcelona da Coruña.
Segundo apuntan, o segredo do éxito dunha PEME, hoxe en día, apóiase en parte en combinar as canles tradicionais cun uso eficaz dos novos espazos comunicativos que brinda a Internet. Logo, por suposto, están os propios valores da iniciativa empresarial en cuestión. Estes valores, no caso de A&B Shop, teñen que ver cunha vontade de “vender roupa urbana, alternativa e moderna” e, ademais, facelo abranguendo e implicando ao máximo a todos os integrantes dunha familia. Ou sexa, vestindo igual a nais, fillas, pais e fillos e sen deixar a ningún integrante fóra.
A súa estratexia recente en liña comezou en 2016. A idea que sostivo a iniciativa foi a devandita de vestir da mesma maneira a nais e fillas e a pais e fillos, cousa que as levou a buscar provedores e fabricantes e, logo de atopalos, en setembro de 2016, a abrir tenda no mercado municipal de Conchiñas. Segundo contan, a súa única publicidade son as redes sociais. “En tan só 6 meses”, sinalan, “A&B Shop foi quen de xuntar máis de 83.500 seareiras e seareiros e incrementou as súas vendas nun tempo marca”. Este interese, ademais, alentou a produtividade da firma, que foi quen de crear un centenar de deseños en só medio ano.
O proceso de dar a coñecer os deseños é o seguinte: unha vez creados, elíxese o tecido e realízase unha mostra para nai e filla ou pai e fillo; se gusta, procédese a dar a orde de fabricación. “A maioría das veces son as empregadas as que se proban a roupa converténdose nun momento especial”, explican Ana e Begoña, engadindo que logo do devandito realízanse as fotografías das pezas, “ás veces con modelos e outras son os propios clientes”, e publícanse na web e nas redes sociais, no Facebook propio de A&B Shop (onde xunta preto de 90.000 seguidores) e máis no Instagram.

PUBLICIDADE