A firma galega Fotopanorama.com abrélles ás Canarias unha web en 360º

luns, 1 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Fotopanorama.com segue a cinguir turismo con novas tecnoloxías facendo –entre outras cousas- que o visitante-internauta chegue até onde en condicións normais non chegaría. Máis en detalle, do que se trata non é de axudalo nos seus desprazamentos, aínda que tamén, senón de achegarlle máis capacidade de visión previa a eses desprazamentos. A empresa, que xa ten unha experiencia aplicando en territorio galego esta aposta pola panorámica virtual, vén de levar a cabo un traballo ben semellante coas Illas Canarias, abrindo para as illas e os seus visitantes e/ou habitantes un novo portal turístico: Canarias360.com. Esta web, que segue o ronsel da proposta galega, ofrece entre outros recursos a posibilidade de ver fotografías dos principais reclamos turísticos do arquipélago en 360º, en formato esférico e de alta resolución.
A páxina das Canarias, sinala a firma galega responsable da súa posta en marcha, está en continuo proceso de achega de contidos (máis imaxes panorámicas) e servizos.
Polo de agora xa se poden ver na pantalla do computador fotos de espazos naturais tan salientables como O Teide, O Observatorio de Roque de los Muchachos na Palma, A Geria en Lanzarote ou mesmo O Faro de Orchilla en Hierro. Por certo que os lugares que referencian as imaxes, doados de localizar no seu espazo exacto grazas á intermediación do mapa de navegación de Google Maps, complétanse con información textual das súas características principais e con datos precisos para (en caso de que teñamos preparada unha visita ás Canarias) formalizar en liña unha reserva de hotel.

PUBLICIDADE