A frota da Xeración D chegou ás Pontes para incrementar as competencias dixitais da cidadanía

xoves, 3 de agosto do 2023 S. P.

A frota de Xeración D formada por seis autobuses, chegou este luns 31 de xullo até As Pontes co fin de desenvolver e mellorar as competencias dixitais da súa cidadanía, aprender a sacar partido das oportunidades da dixitalización e coñecer novas ferramentas.
Durante dous días ás persoas visitantes da unidade móbil das Pontes puideron poñer a proba os seus coñecementos na materia a través dunha experiencia dixital inmersiva, mergullándose no uso de buscadores da Internet, redes sociais, ciberseguridade ou xestións en liña. Os contidos achegáronse en clave aberta e accesíbel, para todos os públicos, ofrecendo aos usuarios múltiplest recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais.
O interior da unidade móbil está equipado con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais.
A experiencia que se ofrece a través da frota de Xeración D é personalizada e axústase ás necesidades de cada persoa usuaria, que comeza a actividade enfrontándose a un test autodiagnóstico que permite coñecer o seu nivel de coñecemento dixital para despois superar xogos e actividades variadas e de todos os niveis: desde aprender a realizar unha procura óptima na Internet ata fuxir das fake news, até optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital. Ademais, o autobús conta cunha sala de escape na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala.
A campaña Xeración D está financiada polos Fondos Europeos – Next Generation a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (SEDIA), dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital. Unha iniciativa enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que recolle, entre os seus eixos estratéxicos, o reforzo das competencias dixitais dos traballadores e do conxunto da cidadanía coa creación do “Pacto pola Xeración D”.

PUBLICIDADE