A gala dos Premios Goya poderá seguirse en 360 graos

venres, 1 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Durante a xornada do sábado Radio Televisión Española (RTVE) emitirá a gala dos Premios Goya 2019 nunha cobertura que fará unha grande aposta tecnolóxica ao ofrecer unha retransmisións multicámara con 8 sinais en directo, para que o espectador non perda ningún detalle da alfombra vermella e da gala e, por primeira vez, permitirá seguir os premios a través dun sinal de vídeo en 360 graos de máis de 5 horas de duración, que permitirá meterse dentro dos Goya dun xeito inmersivo, especialmente de empregarse un casco de realidade virtual.
Para seguir a retransmisión en 360 graos pode empregarse a nova aplicación de RTVE VR 360 dispoñible de balde para iOS e para Android, aínda que para moitos usuarios resultará moito máis práctico recorrer directamente a YouTube, onde xa está programada a retransmisión da alfombra vermella e a gala dos Goya en 360 graos.
De cara a un público mozo, RTVE tamén tirará proveito da súa plataforma Playz para realizar unha retransmisión alternativa en directo a través de YouTube con seguimento en Instagram e Twitter, para ofrecer unha versión máis tola e atrevida do momento, no que dan en chamar Goyas Golfxs.

PUBLICIDADE