A galega Cie amosa este 6 de xuño en Santiago diferentes tecnoloxías para aforrarmos en enerxía

martes, 4 de xuño do 2013 Redacción

En contra do que moitas persoas alleas ás novas tecnoloxías poden supoñer, estas, empregadas dun xeito eficaz e rendíbel, teñen potencial para controlar no seo dunha empresa o gasto de enerxía. De feito, nos últimos anos, en parte debido á nosa maior responsabilidade co medio ambiente, en parte pola crise e en parte polos incrementos sucesivos de custe das enerxéticas, proliferan programas e aplicacións destinados de xeito específico a axudarnos a ter facturas menos desorbitadas. Co fin de amosar estas posibilidades das TIC e as achegas concretas da empresa galega Cie Tecnoloxías, o Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Santiago a colle este xoves 6 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas, a xornada Redución de custos mediante a implantación de sistemas de xestión enerxéticas, organizada pola dita firma.
Segundo avanzan fontes do Centro a respecto da cita, poñendo aos asistentes en situación, “a aplicación das Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) para reducir o consumo enerxético, ten como potencial vantaxe que as organizacións podan acadar unha maior eficiencia económica debido á redución de custes enerxéticos, a obtención de incentivos fiscais e a optimización das súas operacións”.
Durante a sesión participarán expertos nos sistemas de xestión enerxética a través do uso das TIC que amosarán como reducir custos enerxéticos, así como, os pasos a realizar para acadar unha xestión eficiente da enerxía e realizarán un análise das variábeis Capex, Opex e ROI á hora de afrontar un proxecto de implantación dun sistema de eficiencia enerxética. A actividade rematará cun exemplo práctico dun caso real no uso da plataforma de xestión enerxética de CIE Tecnoloxías, baseada nun entorno cloud, para a xestión enerxética das instalacións do cliente.
A sesión vai dirixida tanto a medianas e grandes empresas, como a organismos públicos. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo da sala e previa inscrición en liña na web do Centro Demostrador TIC.

Empresa especializada en sistemas de comunicacións

Cie Tecnoloxías é unha empresa galega de servizos TIC con máis de 20 anos de experiencia no sector, achegando valor engadido ao deseño, desenvolvemento e integración de todo tipo de sistemas de redes e comunicacións. Dentro das áreas de negocio da empresa destacan ás infraestruturas físicas (centros de datos, sistemas de control e acceso, ...), comunicacións unificadas (VoIP, electrónica de rede, sistemas de seguridade, ...) e servizos de enxeñería, soporte e mantemento.

PUBLICIDADE