A galega Coinscrap pecha unha rolda de financiamento de 180.000 euros

luns, 29 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A firma tecnolóxica galega Coinscrap, que dá nome a unha aplicación que nos permite redondear as nosas compras con cartón de crédito ou débito pasando a diferenza entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro, vén de pechar unha rolda de financiamento de 180.000 euros na que participaron Indexa Capital, Fernando Cabelo-Astolfi (Aplazame) e BBooster Ventures. Segundo apuntaron os impulsores da empresa, coa devandita rolda o obxectivo foi acadar o afianzamento como un referente estatal en materia de plataformas de micro-aforro.
Amais, engaden, coa entrada en xogo dos novos axentes de investimento, fortaleceuse o rumbo de Coinscrap cara a incorporación no seu capital de “perfís clave dentro do sector financeiro”.
O meirande investidor desta rolda foi Bbooster Ventures, entidade xestora de capital risco que desde 2010 investiu en máis de 100 novas firmas innovadoras. Bbooster, a día de hoxe dirixida por Enrique Penichet, Macarena Poletti e Raquel Bernal, ten as súas grandes fitos de mercado, como Traventia ou Streamloots, entre outros.
Indexa, pola súa banda, é un xestor automatizado referente en España, con máis de 200 millóns de euros baixo xestión e liderada por Unai Ansejo e François Derbaix.
Pola súa banda, Fernando Cabelo-Astolfi é fundador e director executivo de Aplazame (vendida a Wizink Bank en 2018). Fundou tamén Ibercheck, fito español en emisión de informes de crédito para persoas físicas.
A estas importantes novidades relativas ao futuro de Coinscrap cómpre sumar outro gran acontecemento do ano pasado: o peche dun acordo con EVO Banco para ofrecer aos clientes desta entidade as vantaxes da devandita ferramenta galega en materia de aforros, aplicábel non só ás compras senón tamén aos cargos por recibos ou transferencias bancarias. A finalidade de EVO Banco coa dita incorporación foi integrar na súa banca móbil unha hucha dixital próxima ao usuario e doada de empregar, digna de confianza e, tamén, automatizada.
Ferramenta de micro-aforro
Coinscrap é unha ferramenta encamiñada a aforrar e investir en carteiras intelixentes e en base a “uns obxectivos financeiros establecidos previamente”. Achega, en palabras dos seus responsábeis, “un funcionamento sinxelo e intuitivo”, fornecendo cousas como a posibilidade de redondear ao euro máis próximo cada unha das compras que fagamos co noso cartón de crédito ou débito, e transferindo logo a diferenza a unha conta corrente (ou investíndoa nun seguro de aforro).
O usuario pode acceder ademais en calquera momento ao seu historial de aforro e coñecer a porcentaxe de cumprimento do obxectivo fixado ou modificar, en función das súas posibilidades, as cantidades que destina a este fin. A ferramenta emite tamén alertas no caso de que o usuario se estea desviando do seu obxectivo financeiro e ofrécelle consellos sobre que facer para seguir no bo camiño. A súa principal diferenza con outras solucións do mercado é “que Coinscrap pode ser utilizada con cartóns de calquera entidade bancaria”.
Desenvolvida por David Conde (Pontevedra), Óscar Barba (Ourense), Diego González (Ourense) e Juan Carlos López (Vigo), a versión de aforro desta aplicación móbil estará operativa a finais deste ano, mentres que a de investimento chegará ao mercado en 2017.

PUBLICIDADE