A galega CommCenter adquire a empresa Telered Comunicaciones

mércores, 9 de setembro do 2009 Raquel Noya

O grupo galego CommCenter, no marco do seu plan de adquisición de novas sociedades, vén de asinar a compra de Telered Comunicaciones, distribuidor oficial de Telefónica con presenza en Galicia e Madrid, que reforza o seu liderado no territorio galego e nacional.
Segundo afirman os seus responsables, o grupo CommCenter “é o primeiro distribuidor nacional de telecomunicacións de capital independente (non vinculado a grandes empresas investidoras, como pode ser a propia Telefónica) que opera en todo o territorio nacional”, que conta na actualizado cun total de 104 puntos de venda e 70 comerciais de comunicacións de empresa. Pola súa banda, Telered dispón de doce tendas distribuídas polas cidades de Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Madrid e unha rede de comerciais de comunicacións de empresa que operan neses mesmos territorios.
Logo da adquisición de Telered, CommCenter acada un total de 36 puntos de venda a 20 comerciais en Galicia, ampliando aínda máis, se cabe, a súa cobertura e dimensión empresarial na xeografía galega.
A compra de Telered enmárcase no plan de crecemento estratéxico do grupo galego CommCenter que prevé duplicar a súa rede comercial nun prazo non superior a dous anos. En palabras do seu presidente, José Luis Otero Barros, "CommCenter dá un paso máis no desenvolvemento dun proxecto empresarial no que é fundamental a complicidade co meu socio Juan Antonio Osaba”.
“Á exitosa saída dos nosos mercados de orixe con aperturas noutras Comunidades sumado á profesionalización da estrutura central e comercial da compañía e á fusión das sociedades participantes esquecendo os localismos”, continúa, “súmase agora a adquisición de novas sociedades que, no seu conxunto, fan que o presente de CommCenter nos permita falar dunha compañía importante na dimensión comercial e de carteira de clientes e, á vez, cun futuro máis ambicioso en perspectiva".
En virtude do acordo de adquisición, o grupo CommCenter manterá o cadro de persoal de Telered na súa totalidade e está a estudar a necesidade de abrir novas contratacións para asegurar os seus fins comerciais e garantir o compromiso do grupo coa excelencia na atención ao cliente. A integración da rede de puntos de venda e comerciais de Telered farase inmediatamente, mentres que a integración operativa da mesma, produciráse de maneira paulatina ata completarse no último trimestre deste ano.

PUBLICIDADE