A galega Coremain figura por sexto ano consecutivo entre as empresas europeas de meirande crecemento

luns, 27 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Carlos Martí, socio fundador da empresa galega, recibindo o diploma en Viena

A empresa galega Coremain, unha das máis punteiras do mercado tecnolóxico actual, vén de recibir un importante recoñecemento ó seu labor (principalmente centrado na achega de servizos no eido das novas canles de comunicación) ó ser incluída por sexto ano consecutivo entre as 30 empresas españolas que máis postos de traballo fornecen e entre as 500 europeas de meirande crecemento, segundo podemos ver na listaxe de Europe´s 500.
Este ranking foi elaborado pola asociación Entrepreneurs for Growth e financiado pola consultora KPMG e por Microsoft, e achega igualmente o seguinte dato de interese: das empresas estatais que concorren na clasificación só oito pertencen ó sector tecnolóxico.
Cómpre lembrar que Coremain, que vén de inaugurar hai uns meses a súa sede central no Polígono de Costa Vella de Santiago, pechou o pasado exercicio con 13,9 millóns de euros e conta cun equipo de 230 empregados, sendo as súas expectativas as de ir alén dos 15 millóns de facturación ó remate de 2006 e de incrementar o número de empregados até 260.
A inclusión un ano máis nesta listaxe das empresas europeas de maior crecemento supuxo tamén que Coremain e o resto das corporacións recibiran cadanseu galardón “en recoñecemento á actividade e a contribución ó benestar económico europeo”. Estes premios foron entregados o sábado 25 durante o transcurso dunha gala celebrada no Palacio Hofburg de Viena e que contou coa presenza do vicepresidente da Comisión Europea, Günter Verheugen.

PUBLICIDADE