A galega Dos Espacios amosará os segredos do comercio electrónico en FICOD

mércores, 9 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O foro FICOD, probablemente a máis importante xuntanza estatal en materia de contidos dixitais, vai contar este ano con presenza galega. Para comezar (na nosa web iremos dando máis datos), dará acubillo ás novas estratexias e solucións da empresa Dos Espacios Internet Consulting, con sede en Vilargacía de Arousa e presente en Madrid, na quinta edición do FICOD, para abordar tódolos aspectos de interese para profesionais e empresas relacionados coa técnica do comercio electrónico (compra, venda e servizos). Dos Espacios participará no evento baixo un epígrafe que fala por si só dos seus obxectivos e calado, Yo también quiero vender por Internet.
O seu obradoiro, presentado deste xeito, desenvolverase o día 24 de novembro de 17.00 a 17.45 horas, sendo o comercio electrónico, como dixemos, o seu eixe temático fundamental, un eixe que se abordará dende un extremo a outro: dende a introdución de produtos para comercializar en liña até a elección da loxística e o marketing dixital.
A feira FICOD, como dixemos recentemente nesta web, presenta este ano un programa do máis interesante, alén da salientábel participación da devandita empresa arousá. De feito, o programa contará, entre outros, con Tim O´Reilly, o creador do concepto web 2.0, para a inauguración desta quinta edición do foro, que dará comezo o vindeiro 22 de novembro.
O programa de FICOD deste ano configúrase arredor de 6 sesións plenarias, 18 seminarios, 10 mesas redondas e 120 obradoiros, que se desenvolverán ao longo dos días 22, 23 e 24 de novembro no Palacio Municipal de Congresos de Madrid. Outro dos protagonistas desta edición de FICOD, tamén con recoñecemento internacional, é Gary Vaynerchuk, emprendedor de éxito e creador da web Wine Library, que mostrará aos asistentes as claves do éxito no entorno empresarial a partir das relacións virtuais.

PUBLICIDADE