A galega Elogia Media xestionou a promoción web en España de Slumdog Millionaire

mércores, 25 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

O filme que está en boca dunha boa parte dos seareiros do cinema de todo o mundo, Slumdog Millonaire (película anglo-hindú dirixida por Danny Boyle e recentemente recoñecida con oito Óscar da Academia de Hollywood), contou para a súa promoción en España coa experiencia da axencia galega de canles interactivas Elogia Media (antes Galiciabanner). Máis polo miúdo, o labor da firma con sede en Vigo consistiu en darlle difusión á estrea nos cinemas polo vieiro da Internet. Este traballo en concreto, informa a empresa, levouse a cabo a través das ferramentas que a xuízo da compañía reuniron as mellores condicións posibles para unha boa promoción do produto e –tamén- un apoio de primeira orde ao efecto boca a boca entre os usuarios da Rede: ligazóns patrocinadas en buscadores (Search Engine Marketing), anuncios na rede social Facebook e anuncios gráficos en portais web (Internet Display).
Polo que respecta á temática dos sitios onde se levou a cabo o labor publicitario, sinalar que este non se limitou só aos espazos máis directamente vinculados ao cinema, senón tamén a portais xenéricos de (a fin de contas) meirande alcance.
Segundo informan os responsables de Elogia Media, “durante a primeira da campaña, cun mes de presenza en Google e dez días en Facebook e Internet Display, os resultados publicitarios foron moi interesantes: acadouse até o 15 de febreiro unha cifra de máis de 11 millóns de visualizacións”. Por certo que estes e outros números están a sentar as bases para vindeiros reactivamentos da campaña. De feito, a firma viguesa xa puxo en marcha a segunda fase dunha promoción que, grazas tamén á chuvia de recoñecementos obtidos os días pasados, discorre xa de por si con altofalante.
A produtora Filmax, presidida polo galego Julio Fernández, foi a encargada da distribución en España do dito filme, que se estreou nos cines o pasado 13 de febreiro. Tras a súa segunda fin de semana en carteleira, a recadación está próxima aos dous millóns e medio de euros.

PUBLICIDADE