A galega Elogia reforzará a presenza de Avis nas redes sociais

xoves, 17 de novembro do 2011 Raquel Noya

A empresa de aluguer de vehículos Avis, que afirma ter sido “a primeira compañía do sector en dispor dunha web para promover e tramitar o seu servizo de reservas na Rede”, vén de apostar pola galega Elogia para aumentar a súa actividade nas redes sociais, e ter así unha relación máis directa co usuario e clientes potenciais.
Desta maneira, a firma, que di ter dende sempre “unha especial visión de futuro para o seu negocio”, xa tiña presenza en Facebook e Twitter, porén decidiu contratar os servizos de marketing e comunicación dixital da galega Elogia para levar a súa estratexia de comunicación “a tódolos niveis”, con presenza activa en YouTube, FourSquare, Linkedin e SlideShare.
Deste xeito, Avis proponse comezar o 2012 como “o ano 3.0”, no que o seu obxectivo será “sorprender aos usuarios con irresistibles promocións, enganchar cunha valiosa información ao viaxeiro e divertir aos seus fans con diferentes concursos”, adianta.
Pola súa banda, dende Elogia afirman que a súa estratexia para Avis non consiste tan só en enganchar aos seus clientes con promocións, información e concursos, senón que tratarán de falar co usuario, escoitar os seus intereses para ofrecer produtos que se axusten a eles, e empregar as redes sociais para resolver tódalas súas dúbidas e problemas, “reforzando desta maneira a súa atención ao cliente e convertendo os espazos da marca en novas vías de comunicación directa cos usuarios”, afirman.

PUBLICIDADE