A galega Emetel, premiada pola súa plataforma para a xestión e a comunicación nas empresas

luns, 23 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Seguimos, unha vez máis (e que non falten), con boas novas para o empresariado galego vinculado ás novas tecnoloxías da información. Desta volta temos que falar de Emetel Sistemas, compañía con base na Coruña que vén de recibir o Premio Mellores Ideas do Ano da man da revista Actualidad Económica. O galardón, que concede a publicación cada ano, foi dar a mans da firma galega pola súa solución Emetic, unha plataforma especialmente deseñada para facer que o camiño que (inevitablemente) vai levar a unha boa parte das empresas á Sociedade da Información sexa o máis doado posible. Ademais diso, a solución Emetic vai dirixida a pórlles ó alcance da man “todas as posibilidades da tecnoloxía en materia de comunicacións e informática, asumindo a xestión, explotación e mantemento”, segundo informa a propia Emetel.
Cómpre sinalar que, tanto en investimento como en investigación, Emetic foi a gran aposta da firma galega para o ano 2006, produto no que (sinala) puxo toda a súa experiencia de dez anos no deseño e implantación de ferramentas para o eido corporativo.
A entrega de premios celebrouse o pasado día 11 de abril no Hotel Ritz de Madrid. Ó acto acudiu Manuel Lago, director da empresa galega, quen recolleu o galardón de mans de Gracia Cardador, directora da revista Actualidade Económica. Cómpre lembrar que no mesmo encontro, tamén foi recoñecido o labor doutra compañía da nosa terra, Blusens.

PUBLICIDADE