A galega Grupo Activo distribuirá e implantará a plataforma ERP de Qualiac

luns, 13 de marzo do 2017 Redacción

Juan Carlos Pérez, director xeral de Grupo Activo

A firma galega Grupo Activo vén de asinar un acordo coa multinacional Qualiac para a distribución e implantación da ferramenta tecnolóxica de xestión empresarial Qualiac ERP, un novo produto corporativo que conta co engadido de acubillar unha manchea características técnicas e funcionais innovadoras. A alianza entre as dúas compañías converterá á firma galega no socio exclusivo de Qualiac para a nosa terra. Como lembraremos, esta compañía multinacional é un referente en materia de solucións de xestión. A devandita ferramenta, nun plano máis detallado, é un potente recurso ERP (sistema de planificación de recursos empresariais, polas súas siglas en inglés) que salienta pola súa ampla marxe de adaptación e personalización para cada contorna.
Asemade, destaca por acubillar conectores estándar coas principais solucións do mercado, polo seu alto nivel de accesibilidade (dende calquera recanto e dispositivo) e pola independencia que amosa con respecto á contorna de despregue. Ademais, sinala Grupo Activo, “achega unha implantación fiábel e segura”. A maiores, engade a firma galega, “alén das funcionalidades habituais do resto de plataformas de xestión empresarial do mercado, fornece unha mellor experiencia de usuario así como as posibilidades de uso da capa de presentación HTML 5 da que dispón”.
Segundo informou Johann Caillaud, director xeral da filial española de Qualiac, “buscabamos unha compañía con experiencia no mundo ERP e que fose quen de parametrizar e personalizar a solución para cada cliente, e Grupo Activo, neste ámbito en concreto, é un referente en Galicia”.
Segundo Juan Carlos Pérez, director xeral de Grupo Activo, “Qualiac ERP supón poder ofrecer aos nosos clientes unha ferramenta moderna, que satisfai as súas necesidades, con doada capacidade de adaptación e evolución e axustada en custe”.

PUBLICIDADE