A galega Livetopic pecha rolda de financiamento de 100.000 euros

luns, 19 de marzo do 2018 Redacción

A startup galega Livetopic, centrada en tirar partido da comunicación móbil e das tecnoloxías avanzadas de análise da información para recomendar aos usuarios os mellores pasos a seguir para mellorar a súa situación económica, vén de pechar unha rolda de financiamento de 100.000 euros. Entre os novos investidores figuran investidores de proximidade como Telmo Pérez Luaces, xefe de Innovación e Novos Negocios en Acciona, ou Sixto Arias, director executivo de Made in Möbile. Completan a rolda de investimento altos directivos do sector financeiro e empresarios do tecido empresarial galego.
Segundo fan saber os responsábeis de Livetopic a conto da rolda de financiamento, os obxectivos da startup a curto prazo pasan con “converterse nun referente no asesoramento financeiro dixital a nivel nacional” e dar o chimpo ao mercado europeo. Alejandro Mariño, director executivo de Livetopic, comenta: “Estamos moi satisfeitos do apoio recibido, o cal nos permitirá acelerar procesos con vistas a cumprir os obxectivos marcados”. Tamén explica que o peche desta rolda de financiamento supón “un novo fito na curta pero intensa vida de Livetopic”.
Lembrar que a nova firma galega foi recoñecida recentemente co primeiro premio do INSEAD Venture Competition (o mesmo galardón que recibiu no seu día BlaBlaCar) e o primeiro premio do programa Santalucía Impulsa, como startup con importante proxección.
A nova firma, emprazada en Pontevedra, está centrada en tirar proveito das máis avanzadas tecnoloxías para facer análises detalladas e independentes da nosa situación económica e financeira, achegándonos asesoramento sacar a máxima rendibilidade dos nosos aforros.

PUBLICIDADE