A galega Sixtema anuncia melloras no seu servizo de creación de mapas ikiMap

venres, 16 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega Sixtema, da que falamos hai pouco para dar conta das vantaxes do seu ikiMap (un servizo propio para a creación e o intercambio de mapas en liña, amais de permitir intervencións sobre os mesmos), volve á carga con novidades sobre o devandito produto que, a xuízo da firma con sede en Santiago de Compostela, poñen en xogo melloras salientables sobre o propio servizo e sobre Google Maps. Segundo se conta en Xornal.com, a idea desta reestruturación é a de permitir a entrada de algo máis cá adaptación á Rede do clásico debuxo que se fai sobre un mapa para indicar onde fica un lugar concreto. A versión mellorada de ikiMap, froito da corrección masiva de erros e da incorporación de novas ideas, conta cun aval que non é unha aval calquera: o da comunidade de internautas á que dá acubillo (milleiros de usuarios no seu primeiro ano de vida), internautas que usan a ferramenta pero tamén tentan mellorala coma se dun colectivo-obradoiro de programación se tratara.
ikiMap, que en certa maneira responde a un proceso de democratización da cartografía (proceso que sen as tendencias sociais da Rede dificilmente teriamos), está a ser empregado arestora para mellorar (á súa vez) o servizo básico de Google Maps, complementándoo con datos sobre todo tipo de emprazamentos ou roteiros, sendo o Camiño de Santiago un dos percorridos que máis atención e achegas recibe. Ou a mancha de petróleo no Golfo de México, na imaxe.
O funcionamento do servizo tamén se fundamenta un pouco na idea do Camiño, un percorrido de ida e volta, de aí que unha boa parte dos mapas teñan a súa orixe no Google Maps e logo se distribúan entre a comunidade internauta con todo tipo de melloras e indicacións, do mesmo xeito que as frechas, os cartaces e as pedras amoreadas de determinada maneira fan máis doado o Camiño físico. ikiMap, que figura en galego, castelán e inglés, recibirá en breve a incorporación do éuscaro e máis do catalán, seguidos do portugués e o francés. A plataforma, indica Xornal facéndose eco das explicacións do propio equipo de Sixtema, está a ser empregada arestora polo Concello de Santiago ou a Deputación de Guadalaxara, entre outras institucións. Entre outras melloras a pór en xogo en breve inclúese a aplicación eficaz en trebellos móbiles.

PUBLICIDADE