A implantación de eléctrodos no cranio podería ser a terapia do futuro para a depresión
martes, 18 de setembro do 2007
Para aqueles
funcionarios que crían que un bo xeito de manter os seus soldos sen facer ren
era acadar unha dubidosa baixa por depresión, terán que pensalo dúas veces no
futuro, ou poderían volver ó choio
tras unha intervención e con dous eléctrodos nos seus cranios. Despois do
Prozac, as terapias alternativas, e o desprestixiado tratamento por electroshock, a neurociencia está a levar
a cabo unha nova forma de sandar os casos de depresión severa: de xeito
quirúrxico e grazas á implantación de eléctrodos no interior da cabeza. Estes
pequenos terminais envían descargas eléctricas de baixa voltaxe ás neuronas mellorando
a comunicación entre elas, proceso comunicativo que se ve deteriorado nas
persoas que padecen casos complexos de depresión.
Entre os centros que
están a investigar, e levar a cabo estas novas terapias atópanse a Universidade de Toronto e a de Emory, entre
outras institucións, e segundo un
artigo publicado no xornal científico Popsci.com, en estes intres polo
menos 50 doentes xa teñen os devanditos eléctrodos nos seus cranios.
A operación é
relativamente simple, e tendo en conta o explicado no artigo en cuestión, esta
técnica denominada “estimulación profunda do cerebro” semella ser a evolución final
das terapias de electroshock, e a
xeito explicativo o autor sinala que a mesma podería considerarse coma un marcapasos,
mentres que os electroshocks
equivalerían á descarga dun desfibrilador para o noso cerebro. Os eléctrodos
implantados nos miolos teñen fíos subcutáneos, que se conectan á altura do
peito a dous estimuladores do tamaño dun reprodutor mp3 e envían pequenas
descargas a determinadas zonas da noso cerebro, todo isto de xeito controlado e
regulado por un profesional en controis periódicos.
Os detalles desta técnica presupoñen que no intercambio de información entre neuronas a electricidade potencia a cantidade de fluxo informativo, e, á súa vez, envía aquelas mensaxes consideradas “correctos”, solucionando tamén os posibles fallos daquelas neuronas desgastadas. A longo prazo, os científicos agardan que os estudos sobre as neuronas sirvan para crear novos métodos de detección e tratamento de doenzas psíquicas.