A informática e a computación avanzadas póñense preto das empresas co Marketplace de Fortissimo

martes, 4 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) comeza setembro con recursos e utilidades para as nosas empresas. Máis polo miúdo, arrancou o mes lembrando as vantaxes do Marketplace de Fortissimo, que ofrece ás PEME acceso permanente, simple e económico, ao hardware, software, coñecemento e experiencia necesarios para realizar simulacións, modelado e análises de datos intensivos dende o punto de vista computacional, mediante un modelo baixo demanda, de pago por uso e portelo único.
Esta xanela empresarial do proxecto europeo Fortissimo, no que participa moi activamente o CESGA, foinos dada a coñecer hai dous anos e dende aquela non fixo máis que consolidarse como espazo innovador de interacción entre provedores clave, por unha banda, e as pequenas e medianas empresas, pola outra.
Segundo informa estes días o CESGA, Fortissimo Marketplace facilita ás empresas a resolución de desafíos e o achado de novas oportunidades, poñendo ao seu alcance, da maneira máis doada e eficaz posíbel, simulacións informáticas avanzadas e computación de alto rendemento (HPC, polas súas siglas en inglés High Performance Computing). “O elemento diferenciador deste Marketplace”, engade o centro galego, “está na creación de valor e oportunidades para todas as partes involucradas, xa que reúne a todos os actores necesarios para construír solucións que se axusten aos requisitos de cada negocio”.
Este mercado dixital, baseado na nube, salienta por achegar unha plataforma que simplifica ao máximo o acceso das empresas aos servizos derivados do cómputo avanzado. O marketplace, cuxa inscrición é de balde, xa xunta arestora preto de 160 socios. Segundo destacan os seus impulsores, é moi axeitado para atoparmos os provedores máis acaidos para os nosos requirimentos de simulación, xestión e facturación de proxectos. A idea, en última instancia, é contribuír á produtividade das empresas e axudalas a reducir aos seus custes de produción “de maneira significativa”.
No intre do seu lanzamento, o devandito acubillo comercial incluía xa 139 socios, entre os cales atopándose empresas manufactureiras, desenvolvedoras de aplicacións, expertas en dominios, provedoras de solucións IT e subministradoras de servizos de HPC na nube procedentes de 19 países.

PUBLICIDADE