A informática e as aplicacións de recursos humanos centran dous cursos na CeMIT de Narón

martes, 22 de agosto do 2023 S. P.

O concelleiro de Facenda e Novas Tecnoloxías de Narón, Román Romero, anunciou este luns 21 de agosto a apertura do prazo de inscrición para dous cursos tecnolóxicos que se impartirán na Aula CeMIT de Xuvia. O edil informou que se trata das accións formativas Internet e informática básica e Xestión de Recursos Humanos (RRHH). As persoas interesadas en anotarse poden inscribirse a través das ligazóns específicas de cada curso. As sesións impartiranse, en ambos casos, do 11 de setembro ao 24 de outubro.
O curso de Internet e informática básica terá unha duración de 120 horas e impartirase en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Entre os temas abordar inclúense os fundamentos da informática, que é un computador, hardware e software, elementos dun computador, introdución ao sistema operativo, uso do procesador de texto e introdución a Internet, á Web 2.0 e á Administración Electrónica.
En canto ao curso de Xestión de RRHH, terá tamén unha duración de 120 horas, que se impartirán neste caso en quenda de tarde, dende as 16.00 ata as 20.00 horas. As alumnas e alumnos terán a oportunidade de abordar temas como definición do posto de traballo, definición de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, seguridade social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH.

PUBLICIDADE