A innovación como chave da competitividade, a exame estes días en Vigo

xoves, 2 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Entre os cursos que se están a desenvolver estes días na nosa terra ten especial interese para as TICs galegas o que celebra en Vigo a Fundación da Calidade Industrial de Galicia e que se desenvolve baixo o seguinte epígrafe: A xestión da innovación como factor chave da competitividade empresarial. Segundo nos conta Ineo na súa web, a actividade ofrece ao longo das súas 50 horas de duración un variado subministro de formatos: dende as clases presenciais que xa comezaron o 23 de novembro e que se van estender até o día 16 de decembro até a liña formativa que combina o dixital coas clases tradicionais na recta final do curso (modalidade blended learning).
O curso, que se desenvolve no Club Financeiro de Vigo, diríxese a profesionais galegos de calquera eido de actividade que queiran contribuír ao afianzamento futuro da súa empresa a través de propostas modernizadoras. A finalidade da iniciativa é contribuír, pola vía innovadora, á mellora da competitividade empresarial. Entre outras cuestións, estanse a tratar temas como as novas tecnoloxías do coñecemento como fondo, substancia e apoio do proceso innovador. Asemade, tamén se achegan recursos para levar a cabo, do mellor xeito posible, a xestión do cambio estratéxico dunha empresa. Entre os relatores do eixe presencial atopamos a Álvaro Gómez Vieites, Alberto Casal, Christian Larsson, Carlos Otero Barros, José Carlos Álvarez e Gerardo Estévez.

PUBLICIDADE