A innovación como factor anticrise, a debate este xoves en Vigo

mércores, 13 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Jorge Cebreiros, presidente da asociación empresarial galega Ineo

Se a crise produtiva vai a máis, a innovación tamén debe ir a máis. Isto non é novo, e países como Alemaña, un exemplo de impulso económico-científico (con tódolos matices que se podan facer sobre a súa traxectoria), levan anos contrarrestando a crise con meirandes investimentos públicos e privados en innovación. En certa maneira, falamos de algo lóxico e natural. Canto máis nos distanciemos de aquilo que nos levou ao parón produtivo, mellor. Esta é a mensaxe que quere achegar a asociación Ineo, que organiza este xoves 14 de outubro (na sede de Ineo, na Zona Franca de Vigo) unha xornada sobre a necesidade de non estancármonos nos camiños empresariais e tecnolóxicos de sempre. O almorzo de traballo, chamado Innovación en tempos de crise, contará coa presenza dun especialista no ámbito da innovación europea: Andrea Rossi.
Segundo fai saber a asociación, Andrea ten unha ampla experiencia en iniciativas de planificación e máis de procura de recursos de financiamento para proxectos de mellora de produto e servizo ou de posta en marcha de produtos novos. Arestora dirixe a unidade de innovación dunha firma internacional de servizos de tecnoloxías da información (TI), que ofrece solucións integrais de transaccións de alta tecnoloxía, consultoría ou integración de sistemas.
“Durante unha breve intervención inicial”, sinala Ineo, “analizará os diferentes aspectos do factor innovación e a súa relevancia en momentos de crise para, a continuación, dar paso ao debate entre os participantes, que poderán propoñerlle dúbidas e pór en común cuestións de interese arredor do tema da innovación”. O evento será participativo e daráselle prioridade ao espazo de debate entre os participantes e co experto.
O almorzo de traballo está financiado polo IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), entidade dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE